A cultura galega celebra a Camões en Lisboa

Consello da Cultura e RAG participan nas conmemoracións do 500 aniversario de Luís Vaz de Camões

Consello da Cultura e RAG participan nas conmemoracións do 500 aniversario de Luís Vaz de Camões
O Consello da Cultura Galega, en colaboración coa Real Academia Galega e a Cátedra de Estudos Galegos da Facultade de Letras da Universidade de Lisboa (FLUL) organizan en Lisboa actos conmemorativos polo 500 aniversario de Luís Vaz de Camões, unha das figuras cimeiras da literatura portuguesa. O obxectivo é "estreitar as relacións entre a cultura galega e portuguesa". A presidenta do Consello da Cultura, Rosario Álvarez, inaugurará esta tarde a exposición "Sob o signo de Camões. Exposição do livro galego da FLUL". Ao tempo, celebrarse unha nova edición do encontro "Vidas paralelas", coa participación de Hélio Alves e Xosé Manuel Dasilva e que afonda "na pegada e no impacto creativo da obra camoniana nos autores máis importantes da literatura galega". A mostra "Sob o signo de Camões" adéntrase na presenza da figura e da obra de Camões en Galicia, desde o século XVI ata os nosos días. Está comisariada por Ana Tarrío e segue unha orde cronolóxica, e ofrece unha selección representativa, elaborada a partir de exemplares que pertencen maioritariamente ao Fondo Galego da Biblioteca da FLUL, así como doutros fondos da mesma Biblioteca. Arrinca con Martín Sarmiento, erudito que denunciou o esquecemento das raíces galegas da lingua portuguesa e da súa tradición cultural compartida. E obras en que se manifesta a pegada de Camões, como Os Eoas de Eduardo Pondal, Cantares gallegos de Rosalía de Castro representado cunha edición de 1909, Señardá de Aquilino Iglesia Alvariño e o discurso Alba de Gloria de Castelao. A exposición complétase coa presenza doutros autores nos que tamén resoa a súa influencia, como Murguía, Bouza Brey, Lugrís Freire, Otero Pedrayo e Miguel Anxo Fernán Vello, testemuñando así a vixencia do diálogo literario e simbólico entre Galicia e Portugal.

Ademais, o Consello da Cultura Galega promoveu no marco da celebración, a terceira edición do formato de encontro-coloquio "Vidas paralelas" nesta ocasión centrado na relación entre a literatura galega e a portuguesa. A presidenta, Rosario Álvarez, presenta este mércores (Associação Portuguesa de Escritores, 11:30 hora local) o encontro no que os especialistas Hélio Alves e Xosé Manuel Dasilva se xuntan para relembrar a matriz galaica, especie vizosa na densa foresta da difusión da obra de Camões.