Bieito Ledo leva o XL Premio Celanova, Casa dos Poetas

A Fundación Curros Enríquez recoñece o editor e activista cultural co seu galardón anual

Bieito Ledo, promotor da editorial Ir Indo ou dos Premios da Crítica de Galicia entre outras iniciativas, foi recoñecido este 6 de abril co Premio Celanova, Casa dos Poetas na súa cuadraxésima edición. A Fundación Curros Enríquez outorga anualmente este galardón a recoñecer "traxectorias vitais no campo da defensa da cultura galega e de Galicia".

Segundo fixo pública a entidade, o xurado do premio tomou a súa decisión por unanimidade a recoñecer do homenaxeado "a súa contribución á Cultura Galega desde o ámbito da Xestión Cultural, da edición e de propostas que procuraron sempre o afondamento nas nosas raíces dende a súa aldea de Padroso". O fallo salienta que Ledo "é un ourensán universal que en todos os ámbitos onde estivo traballou a prol da cultura e da convivencia".

Desde a Fundación destacan ademais "o seu aporte ao mundo editorial e ao saber cultural e científico do noso país co legado enciclopédico da editorial Ir Indo" e mais "a súa ourensanía, que fixo posible desde o Círculo Ourensá Vigués reunir as mocidades da transición arredor dun proxecto de paz e convivencia de longa vida".

A coincidir con este fallo, o padroado da entidade celebrou unha xuntanza na que repasou a súa actividade e adiantou os proxectos de cara a vindeiros anos, coa actualización expositiva da Casa Museo de Curros Enríquez de cara ao vixésimo aniversario da súa apertura, en 2026, como un dos principais. Ademais, aprobouse a incorporación do poeta celanovés Baldo Ramo ao padroado da Fundación.