Xosé Lois González en 2022. Fotografía de Distrito Xermar para a AELG
Xosé Lois González O Carrabouxo foi escolleito pola Fundación Curros Enríquez e o Concello de Celanova como gañador do 42 premios Celanova Casa dos Poetas. O xurado do galardón que outorgan anualmente as entidades recoñece a "súa longa traxectoria como humorista gráfico" e considérao "un dos pioneiros do humorismo gráfico galego da etapa democrática" co seu traballo neste campo no xornal La Región desde 1982.
O fallo salienta o labor de González como "digno continuador, polo tanto, das viñetas de Castelao e herdeiro, ó mesmo tempo, dos rexistros sociolóxicos da sorna, da rexouba, do trasacordo, da retrórica e da retranca, tan ben utilizada para interpretar as cousas da vida e da morte nos tempos decimonónicos do Tío Marcos da Portela ou do Catecismo do labrego".
Co galardón a Fundación "desexa destacar, non só a capacidade intelectual do autor e do seu alter-ego, para seren quen entre ambos, de zugarlle cada mañá á actualidade, unha perspectiva subxectiva e alternativa destinada a provocar na xente un sorriso responsable e reflexivo, utilizando o humor coma unha auténtica arma comunicativa destinada a axitar conciencias". Canda a isto, valora "dun xeito especial o compromiso que dende eses mesmos anos oitenta mantivo co proceso de recuperación da casa familiar de Curros Enríquez para o patrimonio público".
O acordo para outorgar este galardón tomouse este 7 de marzo nun encontro no que participaro, canda ao Padroado da Fundación Curros Enríquez representantes do Concello de Celanova, da Deputación Provincial de Ourense, da Real Academia Galega, da Universidade de Vigo e outros patróns a título individual. O premio recoñece anualmente a traxectoria de persoeiros e entidades a prol do o país e da súa cultura.


