Xacarandaina leva o II Premio Opinión Acontecemento Musical do Ano

Os galardóns da música de raíz recoñeceron a formación Treixadura co Premio Andaina Senelleira

Os galardóns da música de raíz recoñeceron a formación Treixadura co Premio Andaina Senelleira
Fotografía de Endaterra. Fonte: Perfil en X de Goretti Sanmartín
O vindeiro 2 de abril celébrase no Teatro Rosalía da Coruña a gala dos XXIII Premios Opinión da Música de Raíz. De xeito previo a dar a coñecer os proxectos vencedores desta edición, a organización do encontro presentaba este 9 de marzo as propostas que foron recoñecidas cos premios especiais do certame.

A segunda edición do Premio Opinión Acontecemento Musical do Ano, que inauguraron Tanxugueiras, recoñeceu a agrupación Xacarandaina. Segundo apunta o xornal coruñés que organiza este certame, apunta que a formación recibe este premio "polo espectáculo Endaterra, que puxo o ano pasado enriba do escenario a oitenta persoas nun traballo onde estivo presente na súa elaboración toda a bagaxe artística que leva acumulada Quique Peón, o director da obra". Ademais, destaca que "son un exemplo e un referente para as persoas que aman a nosa tradición e pretenden fomentala". A formación actuará na gala de entrega dos premios.

Pola súa banda, Treixadura recibirá nesa xornada o XVII Premio Opinión Andaina Senlleira. Segundo lembra a organización dos premios, esta veterana formación comezou a súa carreira en 1990. "Daquela eran fundamentalmente un grupo de gaita e percusión e foron evolucionando ata chegar ao momento importante na súa andaina en que colaboran con dez voces masculinas, que pasan a se incorporar á formación co nome de Orfeón Treixadura".

"Calquera que estivese nun recital deles pode dar fe do grado de conexión que teñen cos presentes, algo que resulta emocionante cando conseguen que participen cantando as pezas máis coñecidas do seu repertorio. Ese é un logro meritorio, ao igual que eses trinta e catro anos de reivindicación da nosa música tradicional, que grazas a formacións como Treixadura goza dunha boa saúde que amosa a súa riqueza expresiva nos escenarios", salienta a organización, que lembra os oito discos publicados pola banda e o seu éxito de público. "Este premio salienta a súa sobranceira traxectoria e agardamos con interese o seu novo traballo para que a xente volva cantar con emoción canda a eles nun concerto".