A Fundación Marta Ortega prevé investir 97 millóns en actividades na Coruña

Coñécense os primeiros detalles do proxecto da entidade para os vindeiros nove anos no porto da cidade

Logo da Fundación Marta Ortega Pérez
Logo da Fundación Marta Ortega Pérez
O Boletín Oficial do Estado publicaba este 4 de marzo o expediente polo que a Fundación Marta Ortega solicita unha concesión no terreo portuario da Coruña para a súa actividade. Na mesma inclúense detalles do proxecto que a entidade que preside a responsable de Inditex prevé desenvolver neste terreo. En conxunto, a Fundación solicita nove anos de ocupación de 13.697 metros cuadrados deste espazo, no que xa está a desenvolver exposicións, e anuncia un investimento de 97 millóns de euros.

Destes, 40,7 millóns destinaranse ás adaptacións nas infraestruturas, á montaxe e aos traslados de material para as exposicións previstas no período, mentres outros 40,8 millóns cubrirán gastos de comunicación, a incluír visitas concertadas e deseño gráfico. O orzamento aínda conta con 7,4 millóns destinados a adaptar a nave principal e os silos que acollen os proxectos expositivos da entidade.

Segundo recolle o BOE, a solicitude de cesión é de seis anos, con tres de prórroga, e inclúe a actual nave que acolle as mostras, os silos onde se instalou a cafetaría, unha tenda e as zonas anexas do porto.

As exposicións preséntanse como a principal actividade prevista neste período, centradas "na arte en xeral e na fotografía en particular" que manterán entrada libre e que estarán acompañadas por diferentes eventos. A isto súmanse programas educativos e de formación para estudantes.