O madrileño Miguel Ángel Sintes gaña o concurso de fotografía Manuel Ferrol

O certame convocado por Cultura Aberta recibiu 256 fotografías nesta edición

"El hombre de la calle Callao" de Miguel Ángel Sintes Puertas
A VIº edición do Premio de Fotografía Manuel Ferrol convocado pola Asociación Cultural Cultura Aberta de Carral xa ten gañador. A imaxe titulada "El hombre de la calle Callao" do madrileño Miguel Ángel Sintes Puertas foi a seleccionada polo xurado "por ser fiel ao estilo do fotógrafo homenaxeado", de entre as 256 fotografías recibidas e 83 participantes nesta edición. O segundo premio é para Mónica Vila Ferreirós de Vilanova de Arousa, que presentou unha fotografía sacada en Santa Marta de Ribarteme o día no que os cadaleitos saen ás rúas. O terceiro premio é para Xavier Ferrer Chust, de Castellón que presentou tamén un retrato en branco e negro. Por último, o xurado decidiu dar un accésit sen dotación económica á obra titulada "El Secreto de las flores" de Miguel Muñiz de Santiago de Compostela.

O xurado estivo composto nesta edición por seis recoñecidos profesionais da fotografía e o xornalismo. Nacho Romero e Ángel Cordero, profesores de fotografía na EIS da Coruña, Víctor Echave, director de fotografía do diario La Opinión, María Meseger, Xoán Piñón e Vanesa Casteleiro, fotógrafos profesionais. Mirian Pantoja e Lois Anxo Ferreiro actuaron como representantes de Cultura Aberta, secretaria e presidente respectivamente, para levantar a acta correspondente ao finalizar as intensas deliberacións. Durante o verán farase unha exposición con máis de 25 obras presentadas ao concurso no Campo da Feira de Carral e convocarase a VII edición.