Producións Teatrais Excéntricas estrea 'Monstros' na Coruña

O espectáculo familiar reflexiona con humor e música sobre os medos máis recorrentes

O Fórum Metropolitano da Coruña acolle este sábado a estrea de 'Monstros', nova montaxe de Producións Teatrais Excéntricas destinada a público familiar. Lucía Aldao e María lado asinan o texto e Marcos Orsi exerce a dirección deste espectáculo centrado nas cousas que causan medo e reflexiona desde o humor sobre aquilo que consideramos monstruoso e que talvez por iso nos fai sentir terror. Monstros preséntase como un artefacto divertido que nos conta que aprender a convivir cos nosos medos axúdanos a entendernos a nós e ás demais persoas, a aceptar as nosas propias monstruosidades.

A historia de Monstros é aventura de catro amigas e amigos na procura de emocións na viaxe cara a casa das pantasmas da súa vila: Amanda, a líder, Clo, a racional, Valenvín, o medoso, e Max, o primo de Amanda, un neno con TEA que só se comunica cantando. O elenco de 'Monstros' que dá vida a estas personaxes o conforman Patricia Vázquez, Rocío González e Vítor Mosqueira e conta con música en directo de Piti Sanz. Con esta estrea a compañía comeza a celebración este ano do seu vinte aniversario. 'Monstros' presentarase tamén en Vigo na Sala Artika de Vigo entre o 1 e o 6 de marzo pasando despois por Boiro, Lugo e Rianxo.