Youtubeiras desvelará este 17 de febreiro o seu palmarés de 2023

O certame celebra unha gala en Santiago de Compostela coa actuación musical de Mondra

Nuria Vil e Gabri Fuentes conducen este sábado 17 de febreiro a partir das 20 horas a gala de entrega dos Premios Youtubeiras 2023. O Teatro Principal de Santiago acolle este encontro no que se darán a coñecer os proxectos gañadores da nova edición do certame de vídeos en galego na rede. Mondra porá a actuación musical dunha cita que quere "reivindicar o galego como un fogar integrador e diverso para a comunidade creadora de contidos na Rede".

O certame, que se desenvolveu co lema "Rede aberta, Rede diversa!" na súa última edición, conta con 18 proxectos finalistas a oito categorías, que se escolleron entre as 68 canles que concorreron ao concurso, ás que se sumaron 24 propostas a competir polo Premio do Público. Cada unha das categorías conta cun premio de 1.000 euros agás a da público, que ten unha dotación de 500.

Dentro das propostas finalistas, seis están presentes en dúas categorías. OU ké! (finalista en premio Canle e en premio Rede), Toxío (Canle e Vídeo), Recuncho Gamer (Youtubeira e Pioneiro), Fica coa bola (Pioneiro e Premio do Público), Prado Rúa (Calidade Lingüística e Vídeo) e Savia Nova (Revelación e Premio do Público).

No premio Canle, Toxío e OU ké! compiten con Cinema Caníbal, mentres que o premio Youtubeira estará entre Recuncho Gamer, Exército Mekemeke e Pingando. O Faiado Podcast, Savia Nova e Luis do Río Pena aspiran ao premio Revelación, e na categoría de vídeo a loita é entre Derrubando Xigantes, de Toxío; Londres, de Malva; e SEG, de Prado Rúa.

Esta última está tamén presente no premio Calidade Lingüística canda a Olaxonmario e Casa Gallinitas, e en Pioneiro a terna está composta por Recuncho Gamer, Lilium e Fica coa Bola. Ao premio Rede optan OU ké!, Alma da Vella Chousa e YouTube en galego. O Premio do Público decidirase entre as tres propostas máis votadas na comunidade dixital, neste caso Noticias Dispersas, Fica coa Bola e Savia Nova.

Youtubeiras é unha iniciativa de dinamización lingüística organizada polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Carballo, Ames, Moaña, Pontevedra, Ribadeo, Rois, Santiago de Compostela, Teo e O Grove, a Deputación da Coruña e as universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.