A Gala do Libro Galego outorga os seus premios sen acto de entrega

A quinta edición do certame xa ten lista de premiados e en outono se fará o acto correspondente

O xurado da quinta edición dos premios da Gala do Libro Galego deu a coñecer as obras e autoras gañadoras nesta convocatoria que, pola situación causada pola pandemia do COVID19, viuse na obriga de ser adiada ao outono. A Gala do Libro Galego tiña prevista a súa celebración o pasado 9 de maio no Teatro Principal de Santiago, e a organización do evento, decidiu manter as deliberacións do xurado en reunión telemática e dar a coñecer os libros gañadores na mesma data e adiar a gala de entrega de galardóns para o outono vindeiro en canto as condicións o permitan. Os premios de honra que anualmente se conceden tamén na Gala do Libro Galego adiáronse ata a celebración deste acto.

As decisións do xurado deron como resultado uns premios moi diversos espallados entre ata nove editoriais diferentes. No relativo aos premios de traxectorias o premio da Iniciativa cultural ou fomento da lectura chégalle á Libraría Chan da Pólvora poucos días despois de anunciar o seu peche, co catl toma forma de homenaxe, case póstumo a esta iniciativa. A xornalista María Yáñez, á fronte da publicación dixital Vinte Na Praza, entre otros proxectos, foi a elexida para o premio de xornalismo cultural, mentres que a plataforma Kalandraka TV conseguiu o de Proxecto literario na rede.

A Gala está organizada pola Asociación Galega de Editoras (AGE), Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), e a Federación de Librarías de Galicia (FLG) e conta coa axuda de CEDRO (Centro Español de Derechos Reprográficos), Xunta de Galicia, Deputación da Coruña e o Concello de Santiago.

Listado completo das gañadoras e gañadores por categorías:

Ensaio e investigación
Dentro da literatura, de Suso de Toro (Edicións Xerais de Galicia)

Divulgación
A que cheiran as cores?. A esperada guía para coñecer o cerebro, de Juan Casto Rivadulla Fernández (Editorial Galaxia)

Narrativa
Seique (2ª ed. ampliada), de Susana Sanches Arins (Através Editora)

Infantil
A tartaruga Amodovou, de Paula Carballeira (Oqueleo)

Xuvenil
Os corpos invisibles, de Emma Pedreira (Edicións Xerais de Galicia)

Libro ilustrado
Irmá paxaro, de Tamara Andrés, ilustracións de María Montes (Cuarto de Inverno)

Libro de banda deseñada
A chaira, de Antonio Seijas (Alita Cómics Editorial)

Iniciativa bibliográfica
Castelao. Construtor da nación. Tomo I. 1886-1930, de Miguel Anxo Seixas Seoane (Editorial Galaxia)

Tradución
Frankenstein ou o Prometeo moderno, de Mary Shelley/Tradución de Samuel Solleiro (Aira Editora)

Poesía
Feliz Idade, de Olga Novo (Kalandraka Editora)

Teatro
Citizen, Grupo Chévere (Kalandraka Editora)

Libro mellor editado
Fosforescencias, de Lupe Gómez/Ilustracións de Anxo Pastor (Alvarellos Editora)

PREMIOS ÁS TRAXECTORIAS

Iniciativa cultural ou fomento da lectura
Libraría Chan da Pólvora

Proxecto literario na rede
Kalandraka TV

Xornalismo cultural
María Yáñez