A entrega dos V Premios Gala do Libro verase cun audiovisual na rede o vindeiro 21 de novembro

A libraría Brañas Verdes e Basilio Losada reciben os premios honoríficos de librarías e editoriais respectivamente

A Gala do Libro Galego tiña prevista a súa celebración o 9 de maio de 2020, o que foi imposible coma no caso dos outros premios culturais que se entregaban este ano tras da declaración do Estado de alarma e dos que aínda esta semana se resolveron os do teatro galego. Os galardóns literarios a obra publicada de Galicia organizados pola Asociación Galega de Editoras (AGE), a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), e a Federación de Librarías de Galicia (FLG) quixeron que a data prevista de entrega e mantivese a efectos de dar a coñecer publicamente o destino dos premios e así se fixo ese 9 de maio, deixando pendente a súa entrega con vistas a este outono. Nun acto celebrado onte no Auditorio de Galicia xa se avanzou a data e formato que terá ese evento de entrega e visibilidade dos premiados. O vindeiro 21 de novembro, sábado, ás 12:00 horas, desde a canle de YouTube dos premios emitirase un acto virtual de entrega dos galardóns aos seus destinatarios xa coñecidos. O actor Quico Cadaval será o mestre de cerimonias desta peza audiovisual preproducida a base de diferentes gravacións. Ademais diso déronse a coñecer os dous destinatarios dos tres premios honoríficos (un por cada asociacións organizadora) que aínda non se coñecían, que serán este ano para o a libraría Brañas Verdes de Carballo e o académico Basilio Losada Castro, co Premio da edición. A escritora vasca Mariasun Landa recibirá o recoñecemento coma Escritora  Galega Universal, que a AELG xa comunicou en febreiro.