Asociacións de toda Galicia crean a primeira Fundación de Estudios Veciñais

Estudiar os problemas dos veciños

A necesidade de realizar análises fondas sobre as diferentes problemáticas ás que se enfrontan as asociacións de veciños promoveu que desde a Confederación Veciñal Galega Rosalía de Castro se veña de pór en marcha o proxecto da Fundación de Estudios Veciñais. Onda esta, vimos de coñecer novas iniciativas do asociacionismo. Así, Ferrol, vén de ver nacer unha nova asociación teatral que agrupa a tres compañías, e en Monfero unha plataforma cívica loitará por potenciar as posibilidades do concello.

Estudios veciñais


Recopilar documentación e estudios sobre as diferentes cuestións que poidan afectar ás comunidades de veciños é a tarefa á que se terá que enfrontar a nova Fundación de Estudios Veciñais. Esta Fundación nace desde a Confederación Veciñal Galega Rosalía de Castro, e o seu primeiro cometido será recompilar información sobre as antenas de telefonía móbil e as súas posibles consecuencias para a saúde. Outros temas dos que está previsto que se encargue esta entidade serán os proxectos urbanísticos, a cuantificación de niveles de pobreza e o estudio da sanidade pública.
A nova Fundación, aínda en fase constitución, estará dirixida por Paloma Díaz Castroverde, que contará co apoio de Marcelino Liste de Francisco Graña, así como de profesionais de distintos eidos.












Unión do teatro


Os grupos teatrais de afeccionados A Machina, Oquetiqueiras e Ad Libitum, todos eles de Ferrol, veñen de unirse na asociación Max Teatro, que pretende potenciar as artes escénicas na comarca.
A nova asociación está vaixo a dirección de Xosé Antonio Golpe e conta con trinta socios. Coa constitución desta entidade, as tres compañías dirixidas por Luís Ramos agardan poder optar a maiores axudas insitucionais e coordinarse para realizar diferentes actividades.
Así, unha das primeiras actividades de Max Teatro é colaborar no ciclo de teatro afeccionado "Domingos a escena" que organiza o Concello de Ferrol.
Entre os futuros proxectos da asociación está o de convocar un premio de textos de teatro breve e o de organizar cursos e obradoiros teatrais.
En canto a obras, as tres compañías que constitúen a nova asociación xa teñen en marcha diferntes proxectos. Así, A Machina abrirá o ciclo "Domingos a escena" o día 28 con "Arte". Pola súa banda, Oquetiqueiras está a traballar sobre o texto "O ladrón de ar" do ferrolán Antón Cortizas, e Ad Libitum recuperará "El pavoroso caso de un señor cualquiera", unha case descoñecida obra de Torrente Ballester.






Plataforma cívica

Baio o lema "Monfero Mellor" vén de presentarse a plataforma cívica que pretende potenciar esta zona e de destacar os seus atractivos e valores. Na Plataforma Pro Monfero están representadas desde asociacións veciñais ata cooperativas agrarias e gandeiras. Entre os membros da plataforma atopamos ó presidente da Asociación de Veciños de Vilachá, Amador Gómez García ou o cura párroco de Xestoso, Luis Ángel Rodríguez Patiño.