A Xunta destina case 225.000 euros a restaurar o templete de Palacios no Porriño

O monumento construírase en 1919 para dar acceso á primeira liña de metro de Madrid

22/1/2024 | Santiago. Redacción | Seccións: Patrimonio
Compartir:

Templete de Palacios en Madrid (1919). Fonte: Contratos de Galicia

O templete de San Luis, obra do arquitecto Antonio Palacios e actualmente instalado no Porriño, será obxecto de traballos de restauración por valor de 224.843,45 euros. A plataforma de contratación da Xunta de Galicia publicaba este 16 de xaneiro a convocatoria para licitar os traballos sobre este conxunto, construído orixinalmente como acceso á primeira liña da rede de Metro de Madrid e trasladado ao Porriño, vila natal do arquitecto, en 1970.

Segundo explica a Xunta, as actuacións desenvolveranse nun prazo de cinco meses e pretenden "resolver as diversas patoloxías que afectan ao estado da estrutura e adecuar o contorno para mellorar a súa presenza no lugar". Deste xeito, as obras repararán os danos existentes nos elementos construtivos e inclúen a construción dunha cuberta protectora que tamén poida acoller diferentes actividades e dun chan que faciliten a conservación do conxunto.

Para alén da limpeza e restauración da pedra xa existente, a empresa adxudicataria deberá tamén realizar un revestimento de granito para recuperar o aspecto orixinal da construción. A maiores, desenvolveranse actuacións na contorna de cara a mellorar a accesibilidade ao monumento e a súa integración co parque no que se sitúa. O templete foi construído orixinalmente en 1919 sobre un deseño de Antonio Palacios para acceder á estación de Metro na Gran Vía en Madrid, e contaba cun ascensor no seu interior.

Que che parece esta nova?
41 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Porriño, Madrid, Antonio Palacios, Xunta de Galicia

Claves

Protagonistas
Entidades
Lugares