Autorretrato. 1948. Luís Torras.
Só había uns meses que deixara de pintar, e este domingo 14 de xaneiro falecía Luís Torras aos 111 anos de idade. Nado en Vigo o 29 de decembro de 1912, Torras desenvolveu unha longa carreira pictórica con obras no Museo Reina Sofía de Madrid, nas coleccións de Afundación e do Centro Galego de Arte Contemporánea ou no Museo de Pontevedra. Estaba considerado o decano das artes plásticas do noso país.
A Casa das Artes de Vigo acolle unha grande parte da súa produción, logo de doar ao Concello medio cento de obras. Profesor de debuxo da Escola de Artes e Oficios de Vigo desde 1954, o seu maxisterio deixou pegada en xeracións de viguesas e vigueses. O falecemento de Torras prodúcese só uns meses despois do da súa dona, María Jesús Incera, aos cen anos. Por expreso desexo do artista, non se celebrarán actos públicos de despedida.
 (002).jpg)


