A estrea en Vilalba abre a xira galega de Iribarne

Butacazero leva a súa montaxe teatral sobre Manuel Fraga a 11 localidades do noso país

Con todas as entradas vendidas, o Auditorio Carmen Estévez de Vilalba acolle este de 13 de xaneiro a estrea galega de Iribarne. Esta coprodución da compañía ButacaZero co Centro Dramático Nacional (CDN) e a Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia chega ao noso país logo de se presentar en Madrid e inicia unha xira que a levará por outras dez localidades galegas.

O día 20 o Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela acolle a segunda representación desta análise teatral da figura de Manuel Fraga, tamén con todas as entradas xa vendidas. Pontevedra (8 de febreiro), O Barco de Valdeorras (23 de febreiro), Vilagarcía de Arousa (24), A Coruña (15 e 16 de marzo), Lugo (11 de abril), Tomiño (día 20), Cangas (4 de maio), Narón (18) e, finalmente a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, o vindeiro mes de xullo, completan esta xira. A estas citas a compañía suma actuacións xa axendadas en Miranda del Ebro, Bilbao e Vitoria coa versión en castelán da obra.

Esther F. Carrodeugas asina un texto que presenta como "un intento (irreverente) por comprender como chegamos ata aquí camiñando da man dun deses personaxes secundarios, pero incriblemente imprescindibles da nosa historia". Xurxo Cortázar, Jorge de Arcos, a propia Carrodeguas, Mónica García, Anxo Outumuro e Lidia Veiga levan ás táboas múltiples personaxes nesta proposta que dirixe Xavier Castiñeira.