Nove festivais e cinco artistas galegos compiten nos Iberian Festival Awards

O tecido galego de festivais está presente en 18 categorías dos premios da península ibérica

Ao tempo que comezan xa a amontoarse anuncios de datas e carteis artísticos das vindeiras edicións en 2024 do principais festivais musicais do país, as pasadas edicións de 2023 de ata nove deles entran a competir nos oitavos Iberian Festival Awards, pendente das votacións populares. Os galardóns que premian a estes eventos no contexto da península ibérica deron comezo ao seu proceso de votacións populares en 15 das 26 categorías do certame, quedando o resto a decisión dun xurado so sector. En total, os eventos galegos do 2023 aparecen como candidatos en 18 categorías e en 11 delas están pendentes arestora das votacións do público a través de Internet para poder seguir optando ao recoñecemento.

O Son do camiño, Portamérica, Río verbena, SonRías Baixas, Revenidas, 17º Ribeira Sacra, WOS, Sinsal, Atlantic Pride e Underfest están na competición deste premios de diversos xeitos, algúns deles en varias categorías. Tamén os artistas da escena musical galega están presentes con nome propio, como é o caso de Baiuca e Galician Army, que compiten (os segundos por dupiicado) na categoría de Mellor actuación de música electrónica. Tamén Xoel López é candidato na categoría de actuacións de artistas lusos ou españois, tanto en solitario como pola actuación con Deluxe en Portamérica; na memsa categoría compiten os Dakidarría, pol seu paso polo festival Revenidas de Vilaxoán. No apartado de fotografía de festivais compite o coñecido Adrián Cuña, que asina como Pixelin Photo, coa súa reportaxe do Underfest de Vigo. E na categoría dedicada a outro tipo de eventos festivos entra tamén a Festa do Queixo de Arzúa deste ano 2023. O público pode dar o seu voto aos festivais ata o 17 de xaneiro de 2024. Tras do proceso de votación pública e a deliberación dun xurado profesional os gañadores daranse a coñecer nunha gala que se celebrará o 15 de marzo de 2024 en Málaga