Posta en común de experiencias sobre educación e patrimonio en Pontevedra

Representantes de institucións museísticas de Galicia, España, Portugal e Suíza participan nas III Xornadas sobre Museos e Educación Patrimonial

Representantes de institucións museísticas de Galicia, España, Portugal e Suíza participan nas III Xornadas sobre Museos e Educación Patrimonial
Máis de 120 persoas dos ámbitos educativo e museístico participan hoxe e mañá, venres, nas III Xornadas sobre Museos e Educación Patrimonial no Museo de Pontevedra organizadas por esta institución e a Universidade de Santiago de Compostela. Co tema deste ano: "Coñecementos compartidos" o encontro servirá para poñer en común experiencias relevantes no eido da educación patrimonial por parte de profesionais e persoal investigador de museos, universidades e doutras entidades de Galicia, España, Portugal e Suíza. As xornadas están dirixidas por Belén Castro Fernández, coordinadora da Área de Didáctica das Ciencias Sociais da USC, coa coordinación xeral de Agar Ledo, do Museo de Pontevedra, e coa coordinación científica de Ana Portela Fontán, da Universitat de Barcelona. O programa das xornadas ábrese cunha conferencia de Martin Waldmeier, conservador de arte moderna e contemporánea do Zentrum Paul Klee de Berna, Suíza, traendo o proxecto "Kids Curate Klee" (2021-2022), unha experiencia educativa pioneira que desembocou na primeira grande exposición de arte moderna comisariada por rapaces de entre 8 e 12 anos: "A Shining Secret. Kids Curate Klee".

A programación inclúe outras dúas conferencias. Na tarde do xoves, o catedrático xubilado da Universitat Politècnica de Catalunya, Javier Bará Temes, falará das alumnas e alumnos colaboradores, unha figura pioneira creada por Filgueira Valverde no Museo de Pontevedra e na que participaron multitude de mozas e mozos durante boa parte do século xx. Bará Temes resumirá as actividades desenvolvidas polo estudantado, a partir da súa experiencia entre 1955 e 1961. A última conferencia será a de Chus Martínez, a recoñecida comisaria e historiadora da arte nacida en Ponteceso e que actualmente dirixe o Institute Art Gender Nature FHNW Academy of Arts and Design de Basilea, Suíza. Na súa intervención propón considerar as prácticas educativas como parte do patrimonio, e tomar conciencia de que é necesario un espazo de diálogo social, de reflexión sobre as necesidades emocionais dunha poboación cada vez máis afectada pola problemática da saúde mental.

O programa inclúe tamén dúas mesas de conversas: na primeira, arredor do tema "Apropiación simbólica do museo", participarán Cristina Trigo da Universidade de Santiago de Compostela; Pablo de Castro da Universidade de Valladolid e Lídia Portela, da Bienal de Cerveira. Na segunda, sobre "Boas prácticas entre museo e escola", participarán Manuel Mosquera, do Museo de Belas Artes da Coruña; José César Llana, do Museo Etnolóxico de Ribadavia; Beatriz Martínez, do CPI do Toural (Vilaboa) e Francisco Ávila, do CEIP do Camiño Inglés (Oroso). As xornadas complétanse con propostas noutros formatos: unha sesión de posta en común de actividades en educación patrimonial, na que se exporán 14 experiencias prácticas e investigacións académicas presentadas á convocatoria de pósteres; dous obradoiros prácticos en paralelo, unha visita guiada e a representación da adaptación teatral para monicreques e cantar de cego que fixo Quico Cadaval do Romance de unha fatal ocasión, que acaba de editar o Museo.