O Museo do Mar convida a se mergullar na figura de Carlos Oroza

A exposición En el norte hay un mar... repasa a vida e a obra do poeta

Retrato de Carlos Oroza. Fonte: Facebook do Museo do Mar
Retrato de Carlos Oroza. Fonte: Facebook do Museo do Mar
Este 21 de novembro o Museo do Mar, en Vigo, acollía a inauguración da exposición En el norte hay un mar... Carlos Oroza. A Xunta de Galicia coordina este proxecto que repasa a vida e a obra do poeta, nado en Viveiro en 1923, a través de cincocentos obxectos e que abriu as súas portas a coincidir cos oito anos do seu falecemento.

Fotografías persoais, documentos administrativos, carteis de exposicións e de filmes nos que participou, capas de revistas ou exemplares dos seus libros permiten achegarse ao universo creativo do autor desde a súa infancia ata o seu falecemento.

Para alén da súa faceta como escritor, a mostra aborda tamén o traballo pictórico de Oroza, a amosar lenzos e debuxos en papel realizados por el. Tamén se atende a súa implicación co colectivo La Fundición e mesmo se expoñen a mesa, a cadeira e os servizos que empregou para xantar durante anos na vinoteca O Cunca, de Vigo.

A mostra permanecerá aberta durante tres meses e fai parte das actividades para conmemorar o centenario do artista. Segundo destaca o Museo do Mar na presentación da mostra, a iniciativa "é un recoñecemento e unha homenaxe ao considerado como o mellor poeta oral de España a cabalo dos séculos XX e XXI".