Manuel López Rodríguez gaña o XXXVI Premio de Poesía Lorenzo Baleirón

A obra do autor noiés 'As palabras do sur' obtivo o recoñecemento unánime do xurado

Manuel López Rodríguez
Manuel López Rodríguez
O poeta noiés Manuel López Rodríguez obtén coa súa obra "As palabras do sur" o XXXVI Premio de Poesía Lorenzo Baleirón, convocado polo Concello de Dodro. O xurado do certame decidiu, de forma unánime, concederlle o galardón "pola consistencia do proxecto presentado, tanto a nivel estrutural como polo que respecta a cada poema en particular, así como unha complexidade que dá pé a varios niveis de lectura", segundo afirman no seu comunicado. O acto oficial de entrega do certame dotado con 2.500 euros terá lugar o vindeiro, 9 de decembro, no CPI de Dodro. "As palabras do sur" de Manuel López Rodríguez será publicada no ano 2024, nunha editorial de recoñecido prestixioManuel López Rodríguez foi cofundador do "Colectivo Literario Sacou", da Asociación Cultural Éteatro e da Asociación Audiovisual Paradiso. Ao longo da súa traxectoria literaria recibiu, entre outros, os seguintes galardóns: XIV Premio de poesía Suso Vaamonde, Premio López Ardeiro de Poesía (2019), II Premio de Poesía Eduardo Pondal, Premio de poesía Concello de Carral (2020), Premio de poesía Avelina Valladares (2021, 2022 e 2023), XXVI Certame de Poesía Francisco Añón e o XXVI Premio Johan Carballeira de Poesía. Esta edición do premio estivo coordinado pola poeta Elvira Ribeiro e formaron parte do xurado as escritoras Chus Nogueira, Lorena Souto e Brenda Mondelo, xunto co alcalde e o concelleiro de Cultura de Dodro, Francisco Xabier Castro Tourís e Ramón Abuín Gómez.