Os Premios San Martiño do Concello da Estrada xa encontraron merecedores na súa XXXIIIª edición. Os gañadores deste galardón á promoción e normalización da lingua galega repártense en tres categorías: unha local, referida ao eido da comarca de Tabeirós-Terra de Montes, que foi para a Pastelería Mimela, "pola súa proxección publicitaria e a normalización da terminoloxía pasteleira"; o premio no ámbito galego decidiuse polo programa da TVG 'Dígocho Eu', " por achegarlle á mocidade as pautas normativas do galego a través das novas tecnoloxías e as redes sociais"; finalmente no que recoñece a un labor de normalización exercida ao longo dunha vida o recoñecemento recae no obradoiro de gaitas García de Riobó, que que recoñece o traballo deste taller artesán da gaita que se remonta a finais do século XVIII, e que chega xusto no momento no que este negocio ven de anunciar o seu peche definitivo, poñendo unha coda de honra á súa despedida. O xurado acadou estas decisións por unanimidade e os premios entregaranse nun acto o vindeiro 15 de novembro ás 20:30 h no Teatro Principal da Estrada.