Focus Galicia impulsa a música galega para o mercado internacional

O programa desenvolverase en espazos de Santiago de Compostela e das Rías Baixas do 22 ao 24 de outubro

A Xunta convidou os responsables de 25 festivais e axencias de distribución e representación artística de 13 países ao evento profesional Focus Galicia para lles achegar a riqueza musical da nosa Comunidade e o seu estreito vínculo co territorio a través dun intenso programa de actividades que inclúe 'showcases', presentacións rápidas e reunións. O epicentro serán as actuacións dos 10 grupos e artistas seleccionados por un xurado profesional a partir da convocatoria aberta pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades: Abraham Cupeiro, Budiño, Catuxa Salom, De Ninghures, García MC & Nación Quilombo, Mario G. Cortizo, Mercedes Peón, Samudra Trio, Xurxo Fernandes e Zeltia Irevire.



O intenso programa de actividades deseñado para a delegación internacional en Focus Galicia combina, ademais, visitas culturais, recepcións institucionais e encontros profesionais para o intercambio de experiencias. Haberá, por exemplo, varias sesións reservadas ao networking, así como ao pitching de proxectos musicais con presentacións a cargo de Helena Egea, Adrian Timms, Iria Estévez, Lontreira, Boroa, Francisco Amil, Hydn, Artyc Content, Cartometrics e Cordas en Harmonía. O encontro desenvolverase en espazos de Santiago de Compostela e das Rías Baixas do 22 ao 24 de outubro, días previos á celebración na Coruña do Womex, o encontro itinerante de referencia mundial para a música tradicional e de raíz. De feito, esta selecta escolma de axentes internacionais chegados desde Alemaña, Brasil, Canadá, Corea do Sur, Chequia, Chile, Francia, Italia, Mozambique, Portugal, Reino Unido e Uruguai, así como de diferentes puntos de España, foi seleccionada entre os principais profesionais acreditados na World Music Expo, buscando así aproveitar recursos e sinerxías para amplificar a proxección exterior da nosa música. Todos os concertos serán de acceso exclusivo para os axentes acreditados, agás o que terá lugar na Sala Capitol o martes 24, ás 20,30 h., coas actuacións de Xurxo Fernandes, Budiño e MC García e Nación Quilombo. Neste caso, a entrada será libre ata completar a capacidade do espazo.