Miguel Rojo e Pablo Prado continúan a serie de BD Nerea en Xerais

A editorial publica tamén a nova entrega de Astérix, que estrea guionista

10/10/2023 | Santiago. Redacción | Seccións: banda deseñada
45 lecturas | Compartido 0 veces

Co título Nerea, a invasión dos trastos o guionista Miguel Rojo e o debuxante Pablo Prado publican en Edicións Xerais a segunda entrega da serie de cómic Nerea para público xuvenil. O volume continúa as aventuras da protagonista de Nerea, o príncipe da sorte, que obtivera o premio O Garaxe Hermético de BD.
Nesta ocasión, os dous autores presentan unha aventura chea de humor sobre os excesos no uso das novas tecnoloxías e a dependencia que crean. O volume conta con oitenta páxinas a toda cor.

En paralelo, a editorial anuncia para o vindeiro 26 de outubro a publicación da nova entrega da serie de Astérix. O lirio branco, que fai o número corenta da colección, conta con Fabcaro como novo guionista e continúa cos debuxos de Didier Conrad. Xavier Senín, Isabel Soto e Alejandro Tobar correron coa tradución do volume. Os efectos das correntes de pensamento positivo sobre o contorno da aldea gala protagonizan as peripecias deste volume.

Universo culturagalega.gal