Marián Bañobre protagoniza o espectáculo 'Deadpan karaoke'

A nova montaxe de Ibuprofeno Teatro estréase este sábado no Teatro Principal da Estrada

O Teatro Principal da Estrada acolle este sábado a estrea da nova montaxe da compañía Ibuprofeno Teatro, o espectáculo unipersoal "Deadpan Karaoke". Marián Bañobre protagoniza esta proposta cun texto escrito por ela mesma e Patricia Rodríguez, que ademais dirixe a montaxe. Propoñen como ingredientes principais o absurdo, a estupidez, a sorpresa, a comedia, a música e o cine como ferramentas para tentar dar resposta á pregunta: É posible o amor nesta sociedade tardocapitalista na que vivimos?. A personaxe protagonista e única, Deadpan, é incapaz de sentir e expresar emoción. A través das súas accións e grazas á contextualización das mesmas dentro dun karaoke, consegue facer accesibles e divertidas para o gran público cuestións e dilemas que ocupan aos grandes pensadores contemporáneos. A obra conta ademais coa participación do público. Mónica de Nut é responsábel da música e o deseño de son, os audiovisuais corren a cargo de Marta Valverde, Gustaf Nilsson e Javier Lueje e o deseño de iluminación e escenografía son de Violeta Martínez. 'Deadpan Karaoke' estréase na Estrada despois de estar alí nunha residencia o último mes para poñer a punto o espectáculo nun acrodo co Concello da Estrada .