O Son dos Arrieiros volve á Estrada

O festival de músicas galegas celebra desde mañá a súa terceira edición

Comeza a conta atrás para que o festival O Son dos Arrieiros inunde de música en directo as rúas do Concello da Estrada esta fin de semana. A terceira edición deste festival de carácter gratuíto presenta ata unha decena de propostas artísticas de diferentes tendencias musicais, todas galegas, coa intención de amosar que é posible formular propostas de éxito en clave territorial. O cartel conta con nomes como Boyanka Kostova, Malendrómeda, BabyKatze, hydn ou Guezos, entre outros. Este evento trata de ser un escaparate para recoñecer a valía de bandas e artistas noveis seleccionando as propostas da nosa terra e integrándoas en espazos urbanos para poñer en valor a creación musical a plena luz do día. Con vontade continuísta, a organización aposta novamente por un evento paritario tanto enriba como debaixo do escenario organizado pola produtora musical dotbeat! co patrocinio da Xunta de Galicia e a colaboración do Concello da Estrada.

A festa inaugúrase o venres 22 de setembro ás 20:30 horas na Rúa Calvo Sotelo co concerto de Carolina Rubirosa, que presentará o seu novo e ambicioso disco "Tierra de Nadie". Continúa o sábado 23 de setembro cunha extensa xornada de doce horas de música ininterrompida a realizar integramente na carballeira do Campo da Feira. Comezará ás 13:00 horas o grupo Guezos, sucedidos ás 14:00 horas por Djow, as seguintes actuacións serán as de Rayo Taser (15:00 horas), o dj Maefield (16:00 e 18:00 horas), hydn (17:00 horas), Playa Desmayo (19:00 horas), Babykatze (20:00 horas), Malandrómeda (21:00 horas), Elba (22:00 horas), Boyanka Kostova (23:00 horas) e o broche final da dj residente do festival ás 00:00 horas con Señora dj..