Localizan novos motivos e técnicas de pintura na Cova Eirós

A campaña 2023 deita nova información sobre os modos de vida dos neandertais e o mundo simbólico do Paleolítico superior

A campaña 2023 deita nova información sobre os modos de vida dos neandertais e o mundo simbólico do Paleolítico superior
Novos motivos localizados na Cova Eirós. Foto: USC
Rematou a nova campaña arqueolóxica na Cova Eirós, proporcionando "datos novidosos", segundo a información proporcionada pola Universidade de Santiago de Compostela. é o Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste (GEPN-AAT) desta universidade quen liderou o proxecto baixo financiamento da Consellería de Cultura da Xunta. A nova campaña centrouse no modo de vida das comunidades neandertais que habitaron a cova hai 45.000 anos, atopando distintas ferramentas líticas empregadas para cazar e procesar os animais que cazaban. Ao tempo, conseguíronse identificar novos motivos pictóricos no fondo das galerías. Trátase de "puntos e signos pareados" para os que foi empregada pintura vermella, "cun uso do ocre como pigmento que non fora documentado en ningún dos paneis coñecidos previamente, e que amplía as técnicas e motivos representados na cova".