O festival Agrocuir da Ulloa decrece na súa VIII edición

Celébrase en Monterroso entre os días 25 e 26 de agosto

"Unha festa máis pequena, máis sinxela e con máis lugar para atoparse". Así presenta a organización do Festival Agrocuir da Ulloa a oitava edición deste evento, que se desenvolve entre os días 25 e 26 de agosto na vila de Monterroso. A sede da Deputación de Lugo acollía estes 22 de agosto a presentación da iniciativa, que conta co apoio económico desta entidade provincial.

A redución déixase notar principalmente nunha redución no número de concertos e na desaparición dos postos de comida e do programa de actividades paralelas. Pola contra increméntanse as propostas de obradoiros, Djs e cantos de taberna, así como unha maior atención á accesibilidade ás diferentes actividades.

A nivel musical destacan as actuacións de Bewis de la Rosa, Mondra e a performance de Nelu Vermouth o venres 25 e das Lagharteiras sábado. Obradoiros sobre relacións non monógamas ou as relacións entre lingua e sexualidade, ademais de rifas e o Cuirathlon fan tamén parte do programa.

Segundo destaca a organización a aposta por reducir o tamaño do evento responde á preocupación polo "crecemento progresivo e constante dos últimos anos, que puxo en dúbida a sostibilidade do mesmo. Dábanos medo estar forzando os límites da vila, da natureza que nos rodea e do mesmo colectivo".