
O festival repartirá oito Sombreiros de prata que premiarán as mellores Longametraxe, Curtametraxe, serie Web, Realización, Actuación e o galardón ao Talento Emerxente, ao que se suman o Premio do Público e o "Premio Especial John Balan á traxectoria nas artes escénicas e cinematográficas". O actor Manuel Manquiña será recoñecido con este último galardón nesta edición do encontro. No programa destaca ademais a presenza do produtor e guionista francés Jöel Bassaget e da realizadora arxentina Ludmila Wagnest.
Os filmes a concurso distribúense entre as categorías Filmes Atlánticos, Outras Miradas, Novos Medios e Cinema Xove, dedicado a escolas de cinema. Para alén destas producións, a cita contará coas proxeccións especiais dos filmes O home e o can do galego Ángel de la Cruz e mais Viaje, dirixido polo peruano José Fernández del Río. Mayka Braña, Lara Dopazo Rubial, Carlos Prado Pampín e Marco Haidar da escola audiovisual arxentina A Lumière, conforman o xurado da cita.
Para alén de proxeccións, o John Balan Fest inclúe no seu programa un maratón de charlas sobre contidos dixitais, unha conferencia sobre o persoeiro que lle dá nome ou un monólogo a cargo de Marta Doviro.