Unha retrospectiva de Guerín marca a primeira xeira de Novos Cinemas

O festival bota a andar en Pontevedra este 28 de xuño

Nove filmes, todos eles os primeiros ou os segundos dos seus directores, competirán na primeira edición de Novos Cinemas. O festival audiovisual da Cidade do Lérez bota a andar o vindeiro 28 de xuño e desenvolverá ata o 3 de xullo unha programación na que destaca a restrospectiva que se lle dedica a José Luis Guerin. Canda aos seus traballos, poderán verse filmes de cineastas emerxentes de China, Brasil, Estados Unidos, Francia ou Portugal. Unha sección dedicada aos traballos audiovisuais de estudantes de primaria e secundaria, a homenaxe a Nicholas Ray, encontros profesionais ou proxeccións de cinema ao aire libre son algúns dos apartados cos que se estrea esta cita.

Baden Baden (Bélxica), Dead Slow Ahead (España/Francia), John From (Portugal), Lu Bian Ye Can (China), Risttuules (Estonia), Short Stay (EE.UU.), Siembra (Colombia/Alemaña), Les Deux Amis (Francia) e Branco Sai, Preto Fica (Brasil) son os filmes a concurso, seis dos cales estrearanse por vez primeira no noso país. O evento conta cun xurado internacional composto por Ana Isabel Strindberg, Jonás Trueba e Diana Toucedo, que concederán o Premio Novos Cinemas á Mellor Longametraxe, dotado con 2.000 euros.