A Xunta destina 350.000 euros á cuberta do convento de San Francisco en Santiago

O conxunto do convento compostelán está declarado BIC

Un investimento público das arcas autonómicas de 350.000 euros dedicarase a impulsar a renovación da cuberta do convento de San Francisco en Santiago de Compostela. O último Consello da Xunta deu luz ver á aprobación neste sentido dun convenio entre a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e a Orde de Frades Menores da Provincia Franciscana de Santiago. As actuacións deste convenio son as derivadas do Proxecto de obras de conservación da cuberta da igrexa do Convento de San Francisco de Santiago de Compostela, redactado pola Oficina Técnica do Consorcio de Santiago en 2020, cun investimento global de 868.325€, dos que a Xunta achega o 40%.

A igrexa actual forma parte do conxunto do convento de San Francisco, un dos 781 bens de interese cultural (BIC) cos que conta Galicia. No complexo inclúese un hotel, a capela da Orde Terceira, o seu cemiterio e as hortas, así como o museo de Terra Santa, que ocupa varias dependencias do convento e da igrexa. As actuacións, que están en marcha, solucionarán o mal estado actual da cuberta do templo, con varias tellas rotas e múltiples vías de entrada de auga de choiva no baixo cuberta. Tamén hai deficiencias no sistema de evacuación de pluviais que, en moitas zonas, está obstruído. Ademais, é necesario reparar algúns danos na estrutura que a sustenta e solucionar o problema de tellas rotas ou deslizadas. Así pois, entre os traballos retirarase a cuberta de tella e placas para incluír outras novas de fibrocemento e substituír os canlóns e baixantes actuais por outros de cobre e tanto as cornixas como o cumio executaranse dispoñendo ventilación baixo cuberta.