
Desde a AGG sinálase que esta muller "pode ser considerada unha das grandes protagonistas do noso folclore no sentido máis amplo, pois non soamente foi intérprete senón que nos derradeiros anos da súa vida converteuse na máis prolífica transmisora de melodías e costumes da Galicia tradicional". Segundo explica a asociación que a vai homenaxear, algunhas das pezas do seu amplísimo repertorio aparecen actualizadas en diferentes edicións discográficas de colectivos e intérpretes de elevado prestixio dentro do panorama actual da música popular e tradicional de Galicia, incluíndo o rap. "Pola súa casa do Carnal, ten pasado unha multitude de curiosas persoas, especialmente xoves, na procura dos cantos aprendidos durante a súa infancia «axexando ás vellas que facían o serán nas cortes do gando que tiñamos no baixo da súa casa», e que ela maxistralmente interpretaba acompañada da súa inseparable pandeireta tocada co gharabato (pau de xesta) por mor de doenzas crónicas", contan desde a AGG.