O CDG celebrará o 40 aniversario cunha gran produción propia e a reposición de 'Terceiro acto'

Tamara Canosa dirixirá a ambiciosa montaxe para a que onte abriuse a convocatoria de intérpretes

Tamara Canosa  Foto: Xunta
Tamara Canosa Foto: Xunta
Tras de publicar onte a convocatoria de selección de 20 intérpretes para a súa seguinte produción, o Centro Dramático Galego anunciou que ese espectáculo, de título provisional "Phoné", será o eixo central da celebración no ano que ven do seu 40 aniversario e dos 25 anos desde a reapertura do Salón Teatro como sede do CDG. Esta produción propia da compañía teatral pública, da que se prevé a estrea en abril de 2024, anúnciase como unha das "máis ambiciosas da súa historia" pola cantidade de intérpretes que reunirá no escenario. Tamara Canosa (A Coruña, 1983) será a directora desta montaxe que xogará coas premisas que rexen os chamados 'talent shows', un dos formatos televisivos de maior éxito nos últimos anos. Segundo anuncian desde AGADIC "a competitividade, as expectativas da superación, as presións constantes ou as esixencias impostas para o sacrificio" son algunhas das coordenadas deste tipo sobre as que pivotará unha produción que, ademais, explorará novas vías para a creación escénica grazas ás residencias artísticas internacionais que se desenvolverán co proxecto europeo Phōnē, no que participan de xeito transversal distintos departamentos da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e outras entidades teatrais galegas.



O proxecto europeo Phōnē do que forma parte o CDG, emprega o teatro como ferramenta para a posta en valor de linguas minoritarias, aglutina diversas estruturas escénicas a nivel comunitario vencelladas a linguas como o frisón, o alto e o baixo sorobio, o yiddish, o ladino, o gaélico, o bretón e o keven. Deste xeito, o novo espectáculo do Centro Dramático Galego explorará novas vías de desenvolvemento creativo e de intercambio cultural ao formar parte dun proxecto que implica entidades escénicas de Irlanda, Francia, Italia, Romanía, Alemaña, Noruega e os Países Baixos.

Reposición de Terceiro acto en xaneiro
Como parte da conmemoración do aniversario o Centro Dramático Galego recuperará en xaneiro 'Terceiro acto', obra dirixida por Andrea Jiménez e Noemi Rodríguez e estreada en abril 2021. A súa exhibición, realizada integramente no escenario do Salón Teatro, produciuse nunha época de restricións na actividade escénica por mor da crise sanitaria derivada da covid-19. A compañía pública rescata a montaxe por ese motivo e tamén polo seu significado de homenaxe á historia do noso teatro, xa que o seu elenco reunía a Mabel Rivera, Belén Constenla, Fernando Morán, Roberto Leal e Eduardo R. Cunha Tatán como representantes da xeración que emprendeu a profesionalización do sector escénico en Galicia. Todos eles volverán encarnar o espectáculo en 2024.

'Terceiro acto' volverá en xaneiro así ao Salón Teatro e xirará por Galicia ao longo do segundo semestre do vindeiro 2024, ano no que se farán 40 anos da estrea do Woyzeck que, dirixida por Xúlio Lago, inaugurou a actividade do Centro Dramático Galego, e mais de 'Agasallo de sombras', montaxe escrita e dirixida por Roberto Vidal Bolaño que foi o primeiro texto orixinal galego levado á escena pola unidade de produción teatral da Xunta de Galicia.

A temporada incluirá, entre outras iniciativas, a coprodución dun espectáculo de pequeno formato que percorrerá numerosos concellos de Galicia no vindeiro 2024, seguindo a dinámica do CDG a prol da accesibilidade e da territorialización da súa actividade anual.