A Directiva da Academia Galega de Teatro acordou, na súa xuntanza celebrada o pasado 19 de maio de 2023 no Pazo de Mariñán, conceder o Premio Academia Galega de Teatro 2023 á directora e actriz Rosa Álvarez Cabo (Carballeda de Avia, Ourense, 1950). A AGT xustifica este recoñecemento á artista "pola súa dilatada carreira, sempre na procura da excelencia artística, e o seu compromiso coa loita pola dignificación da profesión teatral, nomeadamente pola visibilización e posta en valor do rol da muller no teatro galego". Álvarez comezou a súa carreira profesional como actriz de teatro en 1984, a súa galardoada traxectoria na que hai catro premios María Casares e dous Premios Mestre Mateo de interpretación, alén de outros recoñecementos de honra pola súa traxectoria e achegas á escena teatral galega, está estreitamente relacionada tamén co audiovisual galego a través do cine e de series da televisión autonómica. Foi a fundadora, xunto ao seu finado home Ernesto Chao, da compañía teatral Lagarta, Lagarta. Faráselle entrega deste Premio o venres, 21 de xullo, ás 13:00 horas, no salón de actos do Concello de Ribadavia, dentro da celebración da XXXIX Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, un marco moi acaído para ela xa que formou parte do grupo fundador que puxo en marcha primeiramente a Agrupación Cultural Abrente e, pouco despois, as primeiras Mostras de Teatro de Ribadavia.