A Deputación de Pontevedra vén de aprobar as subvencións para o desenvolvemento dos oito festivais audiovisuais da marca provincial Rías Baixas Film Fest que se desenvolven entre abril e decembro nos concellos de Tui, O Porriño, Vigo, Bueu, Pontevedra e Vilagarcía. Trátanse de 150.000 euros en total que chegarán ao Play-Doc de Tui (que se celebrou xa entre o 26 de abril e o 1 de maio), que recibe 28.891 euros; para o Festival de Cans no Porriño, que rematou agora a súa vixésima edición e que conta cunha axuda de 26.118 euros; o Primavera do Cine en Vigo (que terá lugar do 5-10 setembro), que se beneficiará de 7.149 euros; o Fic Bueu (9-23 setembro), que recibirá 26.118 euros; o Galician Freaky Film Festival de Vigo (22 e 23 e do 27- 30 setembro), que contará con 10.068 euros; o Festival de Cine Inclusivo de Vigo (17-22 outubro), que terá 10.214 euros; o Curtas Festival do Imaxinario de Vilagarcía (27 outubro-5 novembro), que recibirá 18.968 euros e o Novos Cinemas de Pontevedra (12-17 decembro), que contará con 22.470 euros. A marca dos Rías Baixas Film Fest da Deputación crea unha identidade corporativa única e imaxe propia e distintiva para estes eventos que se celebran na provincia. A Deputación está a darlle visibilidade a Rías Baixas Film Fest en feiras e eventos culturais e turísticos autonómicos e nacionais e a traballar para aproveitar os fluxos de público entre festivais.