Melania Cruz recibirá o premio de honra do festival FICBUEU

Nove festivais audiovisuais da provincia de Pontevedra conforman a marca Rías Baixas Film Fest

Nove festivais audiovisuais da provincia de Pontevedra conforman a marca Rías Baixas Film Fest
Melania Cruz Foto: @luciar_
A actriz Melania Cruz (Lugo, 1983) recibirá o Premio Cinema Galego do 13º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu, FICBUEU 2020. A actriz recibirá o galardón nun encontro co público que terá lugar na xornada de clausura o 19 de setembro na sala multiusos do Centro Social do Mar da localidade pontevedresa. O Encontro con Melania Cruz permitirá aos asistentes achegarse á traxectoria vital e profesional desta actriz, gañadora de dous premios Mestre Mateo e un María Casares. Melania Cruz ten pendente de estrea arestora o filme Ons e tamén protagonizou a galardoada Dhogs’, ademais de participar en destacados proxectos do cine galego dos últimos tempos, como María Solinha, ou Trote. Outros recoñecidos persoeiros do mundo do cinema, como o actor Manuel Manquiña ou o crítico Javier Tolentino, participarán nas actividades programadas dentro do FICBUEU 2020 que se desenvolverá do 11 ao 19 de setembro coas limitacións de aforo e demais medidas de seguridade que require a prevención fronte ao coroavirus.




Créase a marca ías Baixas Film Fest
O FICBUEU é un dos festivais audiovisuais da provincia de Pontevedra que pasan a estar baixo a marca Rías Baixas Film Fest que amparará a promoverá a Deputación Provincial de Pontevedra. A intención de crear esta marca estivo presente desde o inicio da crise da COVID-19 como forma de protexer estes eventos culturais e agora ven de ser presentada como tal coa presenza de representantes destas nove citas e da presidenta do ente provincial, Carmela Silva. Xunto á cita audiovisual de Bueu conforman os Rías Baixas Film Fests o festival de Cans, Play Doc, Again, Primavera de Cine, Galicia Freaky Film, Curtas Festival do Imaxinario, Novos Cinema e Curtas Armadiña. En canto ao compromiso cos festivais, a presidenta aproveitou a ocasión para anunciar a vontade de crear un Comité Asesor, "unha proposta que xorde do propio sector, que permitirá seguir avanzando, facer promoción e que os festivais sexan aínda máis capaces de abrir fronteiras e chegar a máis sitios".