Francisco Javier Fernández Davila faise co IX certame poético Rosalía de Castro

O galardón do Concello de Padrón está dotado con 1.500 euros

O poemario Konpostela valeulle a Francisco Javier Fernández Davila facerse co IX certame poético Rosalía de Castro. O xurado do galardón que convoca o Concello de Padrón escolleu este traballo entre os 18 que se presentaron ao certame. O premio conta cunha dotación de 1.500 euros en metálico e a publicación da obra polo propio concello.

O fallo destaca a obra gañadora como un "texto de fondo carácter unitario e ben estruturado na súa disposición, que ofrece unha visión de Compostela na que o autor sabe incluír un eu esgazado".

O xurado do certame estivo presidido polo alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira e conformado pola concelleira de Cultura, Lorena Couso, o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueirak o profesor do IES Macías O Namorado de Padrón, Manuel Lorenzo Baleirón, a poeta e licenciada en filoloxía galego-portuguesa, Elvira Ribeiro, a mestra de educación primaria e investigadora en humanidades, Inés Mosquera, e a profesora de Educación Secundaria de Lingua Galega e Literatura, Rita Bugallo.

Fernández Davila ten no seu haber o IV Premio de relato Vigo Histórico, o XVII Certame Literario de Relato de Aventuras Antón Avilés de Taramancos ou do VIII Certame de Poesía María Mariño de Teo.