Ramón Domínguez Veiga gaña o II Premio Anisia Miranda de Teatro para a Infancia

A obra "Medo me dá!" do autor ferrolán foi a elixida polo xurado designado pola Fundación Neira Vilas

A obra
Ramón Domínguez Veiga Foto: Chile Estudio
A obra "Medo me dá!", de Ramón Domínguez Veiga, ven de gañar a segunda edición do Premio Anisia Miranda de Teatro para a Infancia, convocado pola Fundación Xose Neira Vilas. Segundo o xurado, "Medo me dá!" presenta "unha excelente construción dramática realizada con gran axilidade nos diálogos, dotada dun sentido do humor que, en todo momento, fixa o desenvolvemento da trama teatral". Así o salientou o xurado, composto polos membros do Padroado da Fundación Xosé Neira Vilas Pilar Sampedro e Miguel Anxo Fernán-Vello, xunto con poeta e dramaturgo Xosé Luna. O Premio Anisia Miranda, que conta co apoio da Dirección Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, busca estimular a creación teatral e procurar textos que poidan ser representados por nenos e nenas. Está dotado con 1.000 euros.

Ramón Domínguez Veiga (Ferrol, 1970) xa fora galardoado en 2021 co Premio Arume de Poesía para a Infancia, que convoca tamén a Fundación Xosé Neira Vilas en colaboración con Deleite e GÁLIX, pola obra Violeta Parapluie. Domínguez é autor de literatura infantil e narrativa adulta, así como de banda deseñada. A entrega do premio Anisia Miranda constitúe o acto central co que a Fundación Xosé Neira Vilas celebrará o Día das Letras Galegas, o vindeiro 17 de maio. Haberá, ademais, un recordo para Francisco Fernández del Riego. Con este motivo farase unha lectura pública dalgunha das cartas que se intercambiou con Neira Vilas, e que foron publicadas pola editorial Galaxia en 2013 no volume Cartas e lembranzas. Epistolario con Francisco Fernández del Riego (1959-2007). O acto rematará coa actuación do grupo de musica tradicional Raiola, integrada na Asociación Mestre Gacio de Boqueixón.