Don Paco: O home detrás da obra

A celebración do Día das Letras chama por recuperar unha figura crucial na cultura galega do século XX

A celebración do Día das Letras chama por recuperar unha figura crucial na cultura galega do século XX
Non é extraño que haxa persoeiros cuxa figura fica oculta polo alcance da súa obra. A falar de Francisco Fernández del Riego, o seu protagonismo en procesos e institucións cruciais da cultura galega do século XX, canda á súa relativamente escasa produción como autor literario, fan del un caso evidente neste sentido. A celebración do Día das Letras Galegas na súa homenaxe rescata para a sociedade galega un home que, lonxe de se ver como intelectual, se definía a si mesmo como un home de acción.

A dinamización e reforma da Real Academia Galega, a posta en marcha da Fundación Penzol e de Galaxia, o desenvolvemento do Partido Galeguista ou a propia creación do Días da Letras dan idea da importancia das iniciativas e institucións das que participou o homenaxeado. Un peso que levou a que en grande medida a figura e a obra de Del Riego ficase relativamente oculta. Malores Villanueva, autora da recente biografía Francisco Fernández del Riego, un loitador pola idea de Galicia incide nesta idea. "Traballou en tantas empresas, no sentido non comercial, e en tantas facetas, que a súa propia obra queda diluída". "Sobre todo foi un grande divulgador da cultura e un axitador, no mellor sentido da palabra, que entregou a súa vida a axudar. Toda a súa obra está centrada nesa vocación. Isto é o que cómpre transmitir, explicando tamén as institucións nas que participou e iniciativa como o propio Día das Letras, que naceu por iniciativa súa", explica Víctor F. Freixanes, presidente da RAG. Para Villanueva esta celebración "vainos descubrir unha persoa que está en todas as accións galeguistas do século XX, e inevitablemente a súa figura queda un pouco á sombra dese traballo".

Méritos extraliterarios
No entanto, a escaseza de obra de creación por parte do autor, e que a maior parte do seu labor literario estea centrada na divulgación e no ensaio, pode ser unha pexa á hora de introducir a súa figura nos centros de ensino ou de facer adaptacións. Deste xeito, na celebración cobra unha especial relevancia a propia biografía do homenaxeado e mais os seus logros á hora de configurar a cultura galega durante o franquismo. "Temos que saber explicar como determinadas biografías e o exemplo de determinados personaxes explican que este país sobrevivise á catástrofe de 1936. A sementeira desta xeración foi moi importante" lembra Freixanes. O presidente RAG apunta tamén que a importancia netamente literaria está a perder peso na conmemoración do Día das Letras. "Cando escollemos a figura á que se lle dedica o día pensamos na produción literaria, pero tamén hai que comezar a pensar en máis cousas porque a lingua non é o literatura e texto escrito. Cada vez é mais o audiovisual, a música ou as artes escénicas. Hai que comezar a abrir o xogo, aínda que esta é unha reflexión que haberá que abordar máis adiante" e promete futuras mudanzas na celebración da data.

Unha escrita singular
Dentro do panorama literario galego, a figura de Del Riego preséntase como singular pola case total ausencia de obras de ficción. "El non foi un escritor nin un poeta. Fundamentalmente" a nivel literario "foi un divulgador e un ensaísta. E ás veces custa máis achegarse a esa obra" do que a outros xéneros", recoñece Malores Villanueva como desafío á hora de divulgar esta figura. Na súa relación coa literatura, o percurso do homenaxeado foi oposto a doutros persoeiros do galeguismo, que se achegaron á creación como un xeito de promover a nosa lingua. "El tiña vocación literaria, pero dicía que puxo a súa pluma ao servizo da causa", explica a biógrafa, quen reivindica obras como "a súa Historia da literatura galega (1971) ou o seu Vocabulario castellano-gallego" de 1973, que no entanto non son moi coñecidos na actualidade. "En moitas ocasións títulos coma estes foron traballos do momento que hoxe están superados. Acontece co Vocabulario que no seu momento vendeu moitísimas edicións e foi fundamental". De xeito similar, "a súa novela O cego de Pumardedón", publicada en 1992, "non se reeditou", e isto tamén fai máis difícil se achegar a esa obra. Neste ano viu a luz da man do Consello da Cultura a reedición do conto Na espera do amigo, que se publicara en 1994 nunha edición limitada de 150 exemplares con ilustracións de Laxeiro, unha obra que a biógrafa recomenda para introducir a figura do autor no ensino. Canda a isto, "ten libros como o que lle dedicou Ánxel Casal, a quen tanto coñeceu, que son biografías fundamentais, feitas desde a documentación pero tamén das propias vivencias".

A memoria
De toda a escrita do homenaxeado, a biógrafa destaca sobre todo "a súa obra memorialística, que resulta moi interesante", a sinalar títulos como Camiño andado ou O río do tempo, ás que se sumaron nestes 2023 as inéditas Diario da guerra e Memorias do París literario, ou mesmo o ensaio A xeración Galaxia. Coincide con ela Freixanes na importancia desas obras sen esquecer que "hai moitas cousas da súa produción que se poden escolmar a pensar en diferentes públicos". Alén da propia escrita memorialística, Del Riego tivo un papel como arquiveiro da historia da época que lle tocou vivir, acumulando un importante legado que cedeu ao país de xeito desinteresado. "Caracterizábase polo seu carácter metódico e pola atención especial a todo o que significase documentar e gardar a memoria, sobre todo impresa, do país, tanto édita como inédita", lembra Freixanes. "Gardaba todo e tiña todo perfectamente clasificado", coincide Villanueva, "a incluír un cartafol de inéditos no que estaban as obras publicadas este ano". Ese mesmo legado é para a biógrafa mostra "da súa coherencia vital e da súa xenerosidade, xa que deixou a Galicia o seu arquivo, a súa biblioteca e a súa pinacoteca, na que había pezas de Seoane, Laxeiro, Maside e moitos outros. Non tiña coche e vivía de alugueiro, as súas posesións materiais eran esas, era ao que lle tiña máis amor e quedou a disposición de todos nós na Casa Galega da Cultura", en Vigo. "Podía telas vendido pero non o fixo porque sentía que tiña que ser coherente co seu camiño".

As cartas
Na mesma liña, o presidente da RAG salienta a necesidade de recuperar o traballo epistolar de Del Riego. "Na correspondencia hai cousas moi sorprendentes sobre a intrahistoria cultural deses anos. Están a se editar as cartas co seu amigo e mestre Otero Pedrayo nun traballo de Patricia Arias Chachero cun estudo de Xesús Alonso Montero, que son moi interesantes. Tamén vimos en Verín a correspondencia con Taboada Chivite, que se conserva entre esta localidade e a Fundación Penzol. Existe moito material pendente de estudar", asegura. Nese sentido salienta que "Patricia Arias, Malores Villanueva ou María Dolores Cabrera, desde a Fundación Penzol, están a facer un traballo moi importante". Fóra diso, Villanueva pensa que xa coñecemos a totalidade do traballo do autor "pode haber algún artigo por recuperar, e hai algúns textos moi breves sen rematar". Malia a descartar novos inéditos, a biógrafa sinala que o seu legado pode aínda achegar sorpresas. "O que pode aparecer son textos inéditos doutras persoas que el gardase. Hai anos descubriuse un conto inédito que Méndez Ferrín non quixo publicar no seu Percival e que estaba neste arquivo". Do mesmo xeito "poida que haxa outros orixinais que non se chegaron a publicar que el gardou".

As redes
Alén dese labor máis estritamente literario e de divulgación , o esforzo por dinamizar a cultura do país e tecer redes compoñen unha obra etérea e ao tempo imprescindible para coñecermos o homenaxeado. "Foi un activista que lle dedicou a súa vida á divulgación e á axitación no mellor sentido da palabra. Procurou a conectar a xente nova do seu tempo coa lingua e cun país cunha cultura de seu que cumpría manter con dignidade nun tempo tan difícil como foi a ditadura", explica Freixanes. Nesa liña o presidente da RAG reivindica o papel do seu antecesor como nodo de conexión coa cultura galega no exterior. "En 1963 comezan a voltar exiliados cos que el está en contacto. Participa en iniciativas en Venezuela, era a conexión no país da revista Vieiros e mais na BBC ou o contacto de Seoane desde Bos Aires", lembra. Villanueva, pola súa banda, destaca que "hai que lembrar que está detrás de que Cunqueiro volvese escribir en galego, moitas das mellores páxinas da nosa literatura non existirían sen don Paco, como o propio mindoniense recoñecía. Tamén artellou a Longa noite de pedra de Celso Emilio. Pediulle os poemas, organizounos, procurou o título e publicouno na colección 'Salnés', que el mesmo creou. Podemos explorar todo o século XX a través do seus ollos e das súas mans".

A transmisión
A importancia do labor divulgativo de Del Riego, tanto a nivel editorial como no seu contacto directo, ponse de especial relevo se temos en conta que "a xente máis nova non sabía nos anos 50 quen foran Castelao, Ánxel Casal ou Alexandre Bóveda. Non coñecían o Partido Galeguista, os poetas medievais nin o Rexurdimento ou a Xeración Nós. Entón el, con outras persoas, tentou facer de ponte con iso", explica Villanueva. O propio don Paco contaba que "cando lle mandou a Uxío Novoneyra, que xa era un poeta novo, un exemplar de Os vellos non deben de namorarse, o courelao preguntou quen era o autor, non coñecía a Castelao". Así, para esta biógrafa "a súa pluma divulgadora nace desa necesidade, e por iso fai unha historia da literatura galega, unha escolma de poesía ou todos os artigos de prensa. Todo reverte en divulgar a cultura do que fomos, porque non se coñecía. Para el naquel momento a causa era dar a coñecer que fomos un país, unha lingua, unha cultura, con escritores e grandes obras".

A construción da literatura
Na mesma liña está o seu labor para construír "espazos nos que canalizar ese labor. Galaxia non deixa de ser iso, ou a colección "Illa Nova" na que publican autores como Xohana Torres, Méndez Ferrín, Carlos Casares ou Franco Grande". Nese sentido, a súa presenza como editor e apoio nesa etapa decisiva da cultura galega fixeron de Fernández Del Riego responsable en grande medida de fixar o canon cultural e literario do país. "Seguramente sen ser nada consciente, nesa etapa, ata que en 1979 se funda Xerais, Galaxia é quen decide que se publica, toda unha serie de autores que despois se converteron en canon", recoñece a biógrafa.

Os traballos pequenos
Alén de dirixir proxectos e escribir ensaios, o traballo de Del Riego abranguía todo tipo de ámbitos. "Mandaba crónicas ao programa en galego da BBC, estivo detrás do suplemento cultural do xornal La Noche, impulsou a galeguización dunha Academia que despois da guerra se enchera da xente que non tiña nada que ver coa nosa cultura nin coa nosa lingua", explica Villanueva. Canda a isto "están as cousas máis pequenas. Ata facía cada ano el mesmo os calendarios da empresa que logo sería Cementos Cosmos para visibilizar o galego. Estaba sempre disposto a colaborar en calquera iniciativa de empresas ou de asociacións" a prol da nosa cultura.

Un home de acción
Malia á aparencia gris que poden ter moitas das ocupacións do autor, fronte á maior visibilidade doutros creadores coetáneos, cómpre lembrar que, no seu contexto histórico, adoptar posicionamentos e responsabilidades como as súas non estaba en absoluto exento de riscos. "Estivo sempre en primeira liña, o que o levou dúas veces á cadea durante varios meses, en 1947 e 1955. Isto dá unha idea de que o seu traballo non estaba exento de trabas nin de riscos. El asumiuno como unha parte do que implicaba se manter fiel ás súas ideas, que para el sempre foi o máis importante", explica Villanueva. E aínda que hoxe podemos percibilo como un intelectual, o propio Del Riego víase a si mesmo como "un executivo, alguén que soñaba e era quen de executar e facer reais eses soños. Foi un home de acción que levou a cabo moitos dos proxectos culturais que hoxe están a pé en Galicia", completa a biógrafa

Un político frustrado
Como momentos cruciais da biografía do autor, a autora destaca en particular o período da II República. "A proclamación da República, o 14 de abril, está en Madrid a estudar e vive a euforia do día. Lembraba as reivindicacións dos obreiros que estaban daquela a construír a Gran Vía e todas as ilusións do período. Esa mesma estadía en Madrid axudoulle a tomar consciencia da súa galeguidade, que desenvolve despois en Compostela a través do Partido Galeguista", sinala. Nese período "era claramente un político" advirte a biógrafa, "o propio Bóveda falaba del como unha peza clave do Partido, un home indispensable que acompañaba a Castelao nos mitins. Para a autora foi unha descuberta esta importancia que o homenaxeado tivo no período anterior á guerra. "Hai moita consciencia do don Paco de despois, pero non tiña idea da relevancia que tivo no partido. Foi un líder estudantil que reclamou a galeguización da universidade e foi represaliado, escribiu moito xa antes do 36, sendo moi novo. Resultou unha peza clave no Seminario de Estudos Galegos e colaborou con Ánxel Casal, mesmo a corrixir as obras de Castelao antes de se publicar".

Loitar despois da guerra
A Guerra Civil "frustra todas estas angueiras" e marca a Del Riego. "Desde o horror que viviu" a participar no propio conflito "ata o ter que comezar de cero en Vigo, logo da súa inhabilitación como profesor universitario e de que en Compostela ninguén lle dese traballo". Comezou entón unha etapa complexa "na que comía unha soa vez ao día e ía traballando en moitas cousas ata que conseguiu tirar para adiante". Malia a precariedade e a represión, os anceios políticos de don Paco non tardaron en aparecer de novo, e axiña "comezan a pensar na reconstrución do Partido Galeguista, a primeira reunión foi na súa casa. Cando en 1947 prenden a Piñeiro en Madrid, enterra a documentación do partido" na horta da casa que habitaba a súa nai, no Monte do Castro. "Con ela enterra tamén as súas ambicións políticas", advirte Villanueva, aínda que máis tarde participou na constitución do Partido Socialista Galego na clandestinidade. "Aí xa non tivo un papel activo e centrouse no traballo cultural".

1963
Outro fito da biografía é 1963. "Nese ano ponse en marcha a revista Grial con el como director canda a Ramón Piñeiro. O día 5 de maio inaugúrase a Fundación Penzol, que Del Riego dirixirá durante 46 anos. E este mesmo ano a Academia establece o Día das Letras a proposta súa. Nese ano todas as accións do galeguismo teñen que ver con el, e isto mesmo podería acontecer noutros momentos".

Celebracións
Para o presidente da RAG a recepción desta homenaxe "está a ser moi boa". Na liña de anos anteriores, destaca a implicación social arredor das celebracións do 17 de maio. "O que comezou como un acto académico agora é unha explosión de actividades das que a propia Academia no dá conta. Hai que falar do Ano das Letras máis que do Día. Consello da Cultura, Xunta, deputacións, concellos, agrupacións culturais e deportivas ou o mundo da escola implícanse. Neste ano, cun personaxe tan plural, vese esa implicación, ata empresas da industria do mar, coas que el colaborou, tamén se queren sumar", destaca.

As escolas
Neste esforzo, Freixanes destaca desta xeira da celebración o traballo que fai a propia RAG coa plataforma Primavera das Letras, orientada ao público escolar. "Dá sorpresas. Este ano Eva Mejuto fixo unha obra teatral protagonizada polos obxectos que rodeaban a Del Riego, como as súas gafas, o seu lapis ou a súa máquina de escribir. Estes elementos dialogan entre si para explicar a biografía do autor", explica. A proposta está a funcionar moi ben nas escolas, un ámbito desde o que hai propostas moi emocionantes". E lembra precisamente a presentación da Primavera das Letras no colexio Juan Rey de Lourenzá. "O alumnado de sete ou oito anos fixo unha representación na que aparece Del Riego pero tamén Fina Casalderrey ou eu mesmo. Hai unha vitalidade moi emocionante arredor disto".

Institucións
De xeito inevitable, as institucións coas que colaborou o homenaxeado protagonizan en boa medida as celebracións deste ano. Así, o Día das Letras de Del Riego vai pór o foco tamén "na importancia que tivo na fundación da Editorial Galaxia, a Fundación Penzol ou na creación do propio Día das Letras Galegas", apunta Villanueva. "Temos que entender que un país son tamén as institucións con que se dota", explica Freixanes. "El foi decisivo na configuración da Academia desde que entrou como numerario en 1960. Xa naquel momento chegou coa intención de incorporar a cultura do galeguismo a unha institución que, tendo a memoria de Murguía e do Rexurdimento, estaba esmorecida despois da Guerra Civil. Tamén hai que explicar como nace Galaxia e para que, a Fundación Penzol e o papel destas institucións e doutras nas que participou".

O exemplo
"Hai que quedar co exemplo dun home que entrou a vida por unha causa na que cría. É o que tentamos recoller na serie documental que lanzamos na RAG, O home que nunca se rendeu. El sostiña que o pesimismo é reaccionario e que temos razóns abondas para avanzar", explica Freixanes. Nese mesmo sentido, Villanueva lembra que don Paco se definía "como un optimista radical, e mesmo nos peores momentos procuraba a fenda para que entrase a luz". O presidente da RAG lembra tamén consellos que o propio Del Riego lle daba cando Freixanes dirixía a editorial Galaxia. Segundo el, o homenaxeado lembráballe que "nós pasámolo moi mal, pero aí estades vós agora. Non vos rindades porque a vida hai que a construír todos os días con entusiasmo e con capacidade para integrar as diferentes vontades, non vos dividades por miñocadas pequenas, pensade que hai cousas máis importantes".