A Deputación de Ourense aumenta en 120.000 euros o crédito ás subvencións de actividades escénicas e musicais

A Xunta de Goberno tamén aprobou unha axuda de 150.000 euros a un documental sobre Adolfo Domínguez

A Deputación Provincial de Ourense aprobou na súa Xunta de Goberno de onte a modificación de crédito aprobada previamente en Pleno provincial o pasado 31 de marzo, para ampliar a contía orzamentaria e reiniciar o concurso de subvencións para o fomento de actividades escénicas e musicais de 2023, logo da súa suspensión o pasado mes de marzo ao esgotarse o orzamento inicial. Na modificación de crédito aprobada figura un suplemento de 120.000 euros para o coñecido como Plan Tarazana, de tal xeito que agora pódese continuar coa tramitación de solicitudes tras o esgotamento da partida inicial de 90.000 euros coa que se convocou. Nos orzamentos do ente provincial para este ano contemplábanse ata 150.000 euros para o Plan Tarazana de actividades culturais e recreativas. A Deputación provincial xa fixera o mesmo o pasado ano con este plan, aumentando en xuño o seu orzamento ata en 100.000 euros. Na Xunta de Goberno do órgano provincial tamén se aprobou unha axuda de 150.000 euros para contribuír ao financiamento dun documental sobre Adolfo Domínguez, produción audiovisual que promove a fundación que leva o nome do modisto ourensán.