Galicia será a rexión convidada na Porto Design Biennale

O encontro desenvolverase entre o 19 de outubro e o 3 de decembro vindeiros

O encontro desenvolverase entre o 19 de outubro e o 3 de decembro vindeiros
A recoller o testemuño de Italia e de Francia, Galicia será o país convidado na edición 2023 da Porto Design Biennale. A cita, que bota a andar o vindeiro 19 de outubro, amosará o traballo que se está a facer neste campo na nosa comunidade nun programa que coordinará David Barro, asesor do programa Diferenza e director da Fundación Didac.

Segundo adiantou a Xunta de Galicia, a programación incluirá unha exposición de gran formato que permanecerá aberta en Matosinhos durante toda a duración da bienal, ademais dun proxecto editorial, conferencias e obradoiros arredor do deseño para a innovación e a artesanía con selo galego. Para o Goberno Galego, a presenza nesta cita, que leva só tres edicións en marcha, "permitirá reforzar de xeito significativo a difusión e promoción do deseño galego a nivel internacional".

Segundo explica o propio web do encontro, a programación galega, co título "Galiza. Processos e Formas" pretende trazar "um percurso pelo passado, presente e futuro do design a partir da perspetiva da Galiza, analisando, em primeiro lugar, os antecedentes a partir de uma série de empresas paradigmáticas na aposta que fizeram no design, através da apresentação de exemplos pioneiros no sector das pescas, no turismo termal e na comercialização de águas, na indústria farmacêutica, na indústria automóvel, na indústria têxtil ou nas telecomunicações e que termina nas iniciativas de Luis Seoane e Isaac Díaz Pardo com a criação do Laboratório de Formas e a recuperação da fábrica de Sargadelos como principal paradigma do design como motor da inovação na Galiza". A bienal desenvolverase ata o vindeiro 3 de decembro.