O Museo do Gravado de Ribeira recupera o Colmeiro gravador

O centro presenta unha exposición con 48 pezas realizadas a partir de pranchas orixinais do artista

| Santiago. Redacción | Seccións: ArteExposicións
Compartir:
Imaxe de presentación de Colmeiro. Punta seca. Fonte: Museo do Gravado de Artes

Imaxe de presentación de Colmeiro. Punta seca. Fonte: Museo do Gravado de Artes

Co título Colmeiro. Punta seca o Museo do Gravado de Artes, en Ribeira, abría este 21 de abril unha exposición na que recupera o pouco coñecido traballo do pintor Manuel Colmeiro como gravador. A mostra expón 48 pezas do artista que se imprimiron no propio centro a partir de pranchas orixinais cedidas pola familia do creador e que tamén se poden ver no marco da exposición.

O proxecto inclúe tamén unha reedición limitada a 25 exemplares destes gravados reunidos un cartafol que se distribuíu entre a familia do pintor e autoridades. As matrices orixinais desde as que se reproduciron foron limpadas e restauradas no museo para o seu uso.

As pezas foron realizadas por Colmeiro durante a súa estadía en Arxentina e previamente a esta mostra só se fixeran entre 15 e 20 copias o que as fai extremadamente raras, e nalgún caso mesmo inéditas na súa exhibición pública. Desde o centro advirten ademais que a técnica que o pintor empregou para crear estas matrices, a da punta seca, dificulta a futura reprodución de novas pezas a partir das mesmas.

Logo do feche da mostra, que estará aberta ata o vindeiro 30 de xuño, os gravados poderán verse en Vigo e na Casa de Galicia en Nova York. O proxecto conta co apoio do Concello de Ribeira, da Xunta de Galicia e mais da Deputación da Coruña.

Que che parece esta nova?
90 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Colmeiro, Manuel Colmeiro, Concello de Ribeira, Deputación da Coruña...