O Consello da Cultura Galega acolleu esta mañá a presentación da programación do Centenario do Seminario de Estudos Galegos, a entidade que, na década dos 20, normalizou a presenza do galego no ámbito científico e desenvolveu unha inxente labor na investigación sobre o noso patrimonio cultural material e inmaterial. A programación estrutúrase a partir dun congreso, exposicións, relatorios e conferencias, actividades de difusión en liña, xeiras -roteiros e visitas guiadas, na terminoloxía que empregaba o propio Seminario. "É unha programación concibida como un proxecto de país, conxunto, no que cada un colabora na medida das súas posibilidades" apuntou Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG) na presentación da programación. O Consello da Cultura Galega organizará un congreso sobre o SEG entre os días 10 e 11 de outubro, mentres que a Xunta de Galicia, xunto coa Fundación Cidade da Cultura, presentará a exposición Luz na terra. A obra do Seminario de Estudos Galegos (1923-1936) comisariada por Ramón Villares. Entidades como o Museo do Pobo Galego, o Museo de Pontevedra ou as universidades de Santiago e Vigo contribúen con conferencias e visitas guiadas. A programación pode ser consultada no web creada polo Consello da Cultura Galega para a ocasión.