A muller como figura central nas novas producións de 'Clásicas desfeitas'

O ciclo ofrecerá dúas montaxes que revisan a personaxe de Antígona e a obra de Rosalía de Castro e Sor Juana Inés de la Cruz

O ciclo 'Clásicas Desfeitas', impulsado pola Xunta de Galicia a través do Centro Dramático Galego e a Cidade da Cultura, programa este mes de marzo dúas pezas de nova creación coa muller como figura central. Antígona, protagonista da traxedia de Sófocles, e as autoras fundacionais da literatura mexicana e galega, sor Juana Inés de la Cruz e Rosalía de Castro, son a fonte de inspiración para os volumes 6, 7 e 8 do ciclo, que permite ao público redescubrir clásicos da literatura a través doutras disciplinas artísticas e cunha ollada contemporánea. "As dúas marxes de Antígona" será o volume 6 deste ciclo e poderase ver os días 17 e 18 de marzo ás 20.30 horas na Sala Eisenman da Cidade da Cultura. A obra é froito do apoio do programa de Residencias Artísticas do Gaiás – REGA23 e a colaboración do Centro Dramático Galego, a Cidade da Cultura de Galicia, o Festival Internacional de Teatro do Alentejo a través de Léndias d’Encantar, o Instituto Nacional de Artes Escénicas de Uruguai e a compañía cubana Teatro D' Dos. Nesta produción Antígona viaxa desde a Grecia antiga ao noso presente reencarnada en catro artistas de Galicia, Uruguai e Portugal -Mercé de Rande, María Eugenia Margalef, Clara Cunha e Inês Minor-, guiadas polo dramaturgo uruguaio Iván Solarich, director artístico de El Mura.



Díptico mexicano-galego
Os volumes 7 e 8 do ciclo ciméntanse como díptico no legado literario de sor Juana Inés de la Cruz e de Rosalía de Castro, escritoras que desafiaron, tanto nas súas traxectorias vitais como na súa escrita, as limitacións impostas á muller polos roles de xénero imperantes na sociedade. Recollendo o espírito rebelde, o fondo intelectual e a forza renovadora que transmiten, séculos despois, ambas autoras, o director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, e a directora da Compañía Nacional de Teatro de México, Aurora Cano, dan forma a o díptico 'Canta máis luz, máis sombra', un intercambio artístico no que participarán actrices e actores de ambos lados do Atlántico. Cano levará á escena a súa interpretación contemporánea sobre os textos da poeta de Padrón, cun elenco de artistas galegos. Pola súa parte, Fran Núñez será o encargado de conducir sobre o escenario ás actrices e actores da compañía mexicana para traer aos nosos días a sor Juana Inés, unha das figuras máis destacadas das letras hispanoamericanas do século XVII. A Cidade da Cultura acolle a ambos equipos como parte das súas residencias artísticas deste 2023. O resultado de "Canta máis luz, máis sombra" darase a coñecer ao público en dúas funcións os días 23 e 24 de marzo, ás 20.30 horas, no Edificio Fontán do Gaiás. As entradas para asistir ás dúas obras do ciclo 'Clásicas Desfeitas' están xa á venda.