O Porriño celebra as primeiras Xornadas de Creación Literaria

A iniciativa integra obradoiros, conferencias e presentacións entre os días 21 e 24 de marzo

A Biblioteca do Porriño, xunto co Servizo de Normalización Lingüística municipal organizan as xornadas de creación literaria Da inspiración ao libro. Obradoiros literarios, presentacións ou conferencias sobre diferentes aspectos da prácticas literaria e editorial compoñen o programa da primeira xeira deste encontro, que se celebra entre o 21 e o 24 de marzo.

Dentro da iniciativa, o escritor Diego Giráldez está a impartir na primeira quincena de marzo unha serie de obradoiros sobre creación literaria no centro cultural municipal. Canda a isto, as xornadas abrirán o día 21 co relatorio Plantar unha semente a cargo da escritora Ledicia Costas e O camiño á persoa lectora. Clubs, libros e premios con Ana Abad de Larriva. Na seguinte xornada serán Marcos Calveiro, director de edicións de Galaxia, a escritora Raquel Castro, e de novo Diego Giráldez quen desenvolvan o coloquio Da idea á libraría. Que pasa no camiño. Na tarde do día 23, Carlos Meixide falará sobre A autoedición para quen a traballa mentres a técnica de normalización lingüística do concello, Andrea González, impartirá a conferencia Revisións lingüísticas. Oportunidades de edición.

A última sesión das xornadas será un maratón de presentación de autoras e autores locais baixo o título Eu vin aquí a falar do meu libro!, que contará con 17 participantes. Alfonso Ferreira Ramilo, Olga Alonso Alonso, Aitor Alonso Rodríguez, Tania Alonso, Sonia Blanco Sío, Ricardo Canosa Bastos, Luis Carlos Féliz Rivero, Begoña Yglesias Porta, César López Mougán, Brais Mariño Costas, Andrea Martínez Baladrón, Samuel Merino - Pompa&Boato, F.J. Pampillón, Carmen Pereiro, Marta Puíme, Sandra Rodríguez Burgos e Beatriz Cabaleiro protagonizan a iniciativa.