A Fundación Seoane expón Redes do país

O proxecto amosa creacións colectivas da poboación de tres localidades rurais europeas

| Santiago. Redacción | Seccións: Arte
Compartir:
Imaxe da acción O canto da subasta en Porto do Son. Fonte: Fundación Seoane.

Imaxe da acción O canto da subasta en Porto do Son. Fonte: Fundación Seoane.

Desde o pasado 4 de marzo e ata o 3 de setembro, a sede da Fundación Seoane, na Coruña, acolle a exposición Redes do País. A mostra recolle traballos que a artista alemá Antje Schiffers e a dramaturga e comisaria húngara Katalin Erdödi desenvolveron no marco do proxecto Collaborative Village Play.

Esta iniciativa desenvolveu en diferentes localidades rurais de Europa "unha creación artística colectiva" a integrar "os puntos de vista, as formas de vida e o relato directo dos seus habitantes" segundo explica a Fundación. "Os traballos, as tradicións, as festas e celebracións, con especial atención aos xeitos de produción locais, protagonizan unha proposta que busca o recoñecemento e a supervivencia dun legado produtivo e cultural que constituíu durante séculos a base económica e social de gran parte do territorio europeo, e que tras o abandono progresivo do campo desde os anos 50, loita por evitar a súa desaparición e reivindicar o seu legado".

Con comisariado de Manuel Olveira, a exposición reúne as obras e obxectos producidos durante os tres procesos deste proxecto, en Nagykaramás (Hungría), Bostelwiebeck (Alemania) e Porto do Son (A Coruña). Canda a isto, o proxecto inclúe documentación audiovisual que permite seguir as diferentes achegas dos veciños a estas accións. Cuestións como a continuidade das formas de vida tradicionais no ámbito rural, a loita contra a corrupción ou a sustentabilidade da pesca collen forma en diferentes obras realizadas de xeito colectivo polos habitantes de cada localidade.

Que che parece esta nova?
108 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Fundación Seoane, A Coruña, DramaturGa, Manuel Olveira...