O mural de Lugrís 'Translación do corpo do Apóstolo a Santiago' xa ten sitio permanente no Museo Gaiás

A obra, realizada arredor do 1957 para un sanatorio de Santiago, foi obxecto dun proceso de restauración

A obra, realizada arredor do 1957 para un sanatorio de Santiago, foi obxecto dun proceso de restauración
O mural de Urbano Lugrís 'Translación do corpo do Apóstolo a Santiago', obra que a Xunta de Galicia vén de restaurar e recuperar para o patrimonio público xa se exhibe de xeito permanente na entrada principal do Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia. O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, presentou a obra e lembrou que en 2023 se conmemoran os 50 anos do pasamento do artista. O mural de Lugrís narra cunha fonda carga simbólica o relato da traslatio do corpo de Santiago ao seu sepulcro en Santiago de Compostela.

A obra, dunhas dimensións de 167 por 216 centímetros e un peso de arredor de 350 quilogramos, está realizada coa técnica de pintura mural sobre parede de cemento, ladrillo e estucado, contando cun marco de ferro que serve de soporte ao conxunto. O seu traslado á Cidade da Cultura requiriu un equipo técnico especializado na manipulación de bens artísticos. Para garantir a conservación da obra, o mural foi obxecto dun completo proceso de restauración realizado polo equipo técnico da Cidade da Cultura e que incluíu desde un proceso de limpeza minuciosa da película pictórica, á reparación do marco de soporte, a fixación da policromía nas zonas onde estaba levantada ou deteriorada e o estucado e reintegración cromática naquelas áreas onde presentaba gretas ou falta de película pictórica.

A obra nace como un encargo efectuado polo desaparecido Sanatorio Álvarez, de Santiago de Compostela, situado no número 7 da rúa Doutor Teixeiro, pola grande amizade que unía a Lugrís co médico vigués Manuel Álvarez. Realízase, como parte dun conxunto de varios murais, arredor do ano 1957, coincidindo coa época de maior esplendor artístico do pintor. Tras o peche do complexo sanitario compostelán, os murais que albergaba son adquiridos por diferentes coleccións públicas e privadas. O mural 'Translación do corpo do Apóstolo a Santiago' instalarase nun pequeno negocio hostaleiro de Compostela e foi posteriormente vendido á Galería de Arte José Lorenzo, onde permaneceu desde 2005. En 2022, a Xunta de Galicia, a través da Fundación Cidade da Cultura, adquire o mural tras o certificado favorable do Consello Superior de Valoración de Bens Culturais de Interese para Galicia.