O Esmorga Fest comunica a súa desaparición

O festival que poñía a Sarria no mapa da escena musical independente pon punto final aos seus oito anos de proxecto

En pasados anos (excluíndo os das restricións pandémicas) por estas datas adoitaba comunicarse o cartel artístico dun dos eventos musicais máis particulares do país: o Esmorga Fest de Sarria (Lugo). Pola contra este ano desde a súa organización ven de confirmarse a desaparición definitiva do festival. Este evento, que tiña as súas datas habituais de celebración na segunda quincena do mes de marzo, comezou a celebrarse en 2015, como iniciativa dun grupo de amizades que adoitaban celebrar un aniversario organizando concertos e que se decidiron a institucionalizalo en forma de festival alternativo. O Esmorga Fest, malia as vicisitudes destes anos de restricións e cancelacións, mantívose forte na axenda cultural galega como unha das citas musicais asentadas coa escena independente e alternativa.

No comunicado oficial de despedida, a organización do Esmorga Fest agradece os apoios de Jagërmusic, Son Estrella Galicia, e Gadis e sinala a unha falta de respaldo económico que fose suficiente para sacar adiante máis edicións, polo cal deciden poñer "punto e final" ao proxecto. Nesta declaración lembran o traballo feito nestes oito anos "de xeito altruísta, dedicando centos de horas e ariscando diñeiro ano tras ano en beneficio de Sarria". Desde a aorganización aseguran que a derradeira edición do festival deixou en Sarria 196.000 euros en dous días, e declaran sentirse "tristes e decepcionados" ao non ser esta a despedida que quixeran dar. Pecha así a etapa este proxecto que levaba á esta pequena vila da Galicia interior un dos eventos musicais independentes que enriquecían a axenda dos meses iniciais do ano, nunha aposta que movía centos de persoas fóra das datas máis típicas e estacionalizadas.
Ligazóns