Festivais de pequeno tamaño comunican a súa intención de levarse a cabo este ano

Vive Nigrán, Esmorga Fest, FIV e 17°Ribeira Sacra apúntanse para a axenda de verán

Malia a enorme incerteza que hai que manexar sobre a celebración de eventos que reúnan a cantidades de xente importantes, no sector dos festivais xa hai algúns movementos por parte daqueles cun formato menos multitudinario. Esta semana puidemos coñecer xa datas para a celebración do Vive Nigrán Picnic Pop festival, con avance de cartel incluído, así como as determinacións do Concello de Vilalba de sacar adiante unha nova edición do FIV e da organización do Esmorga Fest de Sarria de presentar o evento este verán. Tamén a axenda pode contar un ano máis coa realización do 17º Ribeira Sacra, que adiantou datas e parte do cartel. Todos eles adaptarán a súa realización ás restricións e niveis de seguridade precisos no momento en que se van celebrar. No relativo ao festivais de maior tamáño está por ver a posibilidade da súa produción e en que condicións se faría.


Xustamente hoxe fai o aniversario da VIª edición cancelada do Esmorga Fest de Sarria, que tivo que descartarse de xeito instantáneo ante a alerta sanitaria a poucas horas do seu comezo. Tras un intento de sacalo adiante xa en novembro, finalmente descartouse esa posibilidade, deixando o 2020 sen Esmorga Fest. Hoxe mesmo a organización ven de anuncia a súa intención de facer unha “edición especial” este ano, aínda que xa non nestas datas habituais senón na época de verán, buscando unha mellor posibilidade de asistencia e tendo máis tempo para a súa preparación. Tamén a quinta edición do Vive Nigrán! confirmou ao mesmo tempo a súa intención de levarse a cabo o vindeiro 17 de xullo e o primeiro nome artístico do seu cartel: a banda madrileña de pop-rock independente Sidecars son o primeiros que sabemos que pasarán pola localidade pontevedresa. O espazo aberto xunto á praia do Campo de fútbol de Monte Lourido volverá acoller este evento ininterrompido o pasado ano e que nesta ocasión estará organizado desde a empresa viguesa Sweet Nocturna.Xa está á venda abonos e entradas.

A celebración do Festival Independente de Vilalba (FIV) nas súas datas habituais de abril xa ven de ser descartada polo Concello lugués ao tempo que anunciaba a súa determinación de buscar unha nova proposta en calendario para este ano, tras verse na imposibilidade de sacalo adiante o pasado 2020. A día de hoxe o Concello declara que está a facer todos os esforzos por conseguir manter a edición de 2021 cun formato adaptado a actual situación sanitaria na que se garanta a seguridade sanitaria como prioridade máxima e apunta a realizalo moito máis achegado ao verán. O resultado, segundo aseguran “será un festival seguro que promove unha cultura de calidade e adaptado á nova situación”. Neste caso ademais haberá un cambio en canto á empresa ao cargo da produción do evento, toda vez que Art Music, a empresa que o viña realizando durante nove anos, xa anunciou non será a encargada da seguinte edición.