Compostela acolle a nova edición da FELiiC

A Feira da Edición e o Libro Ilustrado celébrase este 21 de xaneiro

No marco de Imaxinaria, IV Mostra internacional de Ilustración Contemporánea, a sede de Afundación en Santiago de Compostela acolle este sábado 21 unha nova xeira da FELiiC. A Feira de Edición e Libro Ilustrado pretende achegar un panorama da edición e autoedición de libros ilustrados vencellados cos traballos das ilustradoras e ilustradores que participan na Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea (Miic), ademais de difundir o Premio Castelao de Banda Deseñada.

No encontro poderán adquirirse, da man de tres librarías locais, unha selección de publicacións das autoras e editoriais convidadas, así como as novidades no eido dos libros ilustrados. Ao longo da xornada desenvolverase unha mesa redonda moderada por Neves Rodríguez na que participarán Siqui Luis Yang, Uxía Larrosa, Francisco Pérez e Julia Lago, todos eles galardoados no Premio Castelao de BD.

Durante a tarde, outra mesa abordará os procesos creativos no libro ilustrado da man de Cristina Daura, Aitor Saraiba. A xornada fechará cun encontro sobre a ilustración para portadas no que intervirán Natalia Umpiérrez, Nuria Riaza e Marta Font.

De xeito paralelo, os días 20 e 21 celébranse os encontros Open Miic, na que os autores de varias obras presentes nesta exposición farán unha visita guiada aos seus traballos. A área de Cultura da Deputación da Coruña organiza este encontro, que conta co apoio de Afundación.