Alex Alonso recibirá o XXIX Premio de novela curta "Manuel Lueiro Rey"

A súa obra 'O estranxeiro' foi seleccionada por unanimidade do xurado

Álex Alonso Foto: Eds. Xerais
Álex Alonso Foto: Eds. Xerais
Este vindeiro sábado, 14 de xaneiro, terá lugar no Concello do Grove o acto de entrega do Premio de novela curta "Manuel Lueiro Rey" pola súa XXIXª edición. O escritor e tradutor Alexandre Alonso Alonso (Vigo, 1968) será o premiado este ano pola súa obra "O estranxeiro", que foi a seleccionada por unanimidade do xurado do premio, composto por Armando Requeixo Cuba, Ánxela Gracián, Carmen Ferreira Boo, Héctor Cajaraville Araujo e Lionel Rexes Martínez, o pasado 15 de decembro. Álex Alonso é licenciado en Filoloxía Galega e Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela e na actualidade traballa como tradutor intérprete da Administración de Xustiza na Audiencia Provincial de Pontevedra, ten acadado varios premios literarios, entre eles repetiu en dúas ocasións no Certame de Narrativa Curta Ánxel Fole en 2015 e 2022, ademais logrou ex aequo o Premio Torrente Ballester en 2019 coa novela "Granito" (Xerais, 2020). O Premio de novela curta Manuel Lueiro Rey é un premio literario convocado polo Concello do Grove dende 1992 e que conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra co obxectivo de honrar a vida e obra do escritor e xornalista e, asemade, coadxuvar na promoción da escrita en galego e na divulgación dos seus autores. O premio está dotado con 3.000 euros e a publicación da obra gañadora por Edicións Xerais de Galicia.