Os invisibles acompañantes dos monumentos megalíticos

Os arqueólogos localizan un posible hábitat fortificado ao carón do cairn da Muradella

Os arqueólogos localizan un posible hábitat fortificado ao carón do <i>cairn</i> da Muradella
Hoxe en día tendemos a ver os dólmenes e as mámoas como monumentos solitarios nunha paisaxe de monte, pero esa imaxe se separa bastante do que sucedía na súa época. En moitos casos, estes conxuntos funerarios estaban cheos de vida, con poboados, xente traballando e terras de labor. Así parece ser tamén no cairn de A Muradella (A Pobra do Brollón / Monforte de Lemos), que gardaba outra sorpresa ao carón da gran acumulacion de pedrullo que conforma o monumento. Se hai pouco coñeciamos que as datacións de C-14 confirmaban a proposta de que se trataba dun monumento prehistórico que se remontaba ao 2.900-2.700 a.C., onte o equipo arqueolóxico deu a coñecer a hipótese de que o monumento sexa parte dun conxunto máis amplo que inclúe un hábitat da época. A través da prospección magnética do contorno a cargo de Carlos Otero, do INCIPIT (CSIC), os investigadores localizaron "parte dunha estrutura semicircular localizada a uns 20 metros ao sureste do monumento". Segundo o director do proxecto, o arqueólogo Rodrigo Paulos, "podería tratase de parte do foxo perimetral dun poboado. Este tipo de construcións adoitan estar vinculadas a lugares de asentamento do Neolítico final e Calcolítico. Deste tipo de poboados hai máis exemplos na área galega".



Prospección xeomagnética nas proximidades do cairn. En vermello, o foxo perimetral. Gráfico: Carlos Otero (Incipit/CSIC)

A estrutura que se entrevé podería estar constituída por un foxo perimetral, "que faría as veces de defensa e delimitador do contorno doméstico" e que se reforzaría por un talude e pode que por unha empalizada de madeira. Para Paulos, o achado é interesante por dous motivos. "A localización na zona sureste do cairn ten unha especial significación no megalitismo do noroeste peninsular", indica, "e está próxima a terras de labor con solos lixeiros que permiten o cultivo cunha tecnoloxía aínda baseada na madeira e a pedra".

Segundo os investigadores, a localización deste poboado "podería abrir a porta á profundización do coñecemento dos poboadores do Neolítico final na Terra de Lemos". O proxecto está sendo levado a cabo co asesoramento do arqueólogo da Universidade Nova de Lisboa Xurxo Ayán e as asociacións de veciños locais.