O Ano de Florencio Delgado remata con cine

O documental "Florencio Delgado Gurriarán do A ao Z" está hoxe en YouTube e o domingo faise a preestrea de "Florencio na terra"

O documental
Fotograma de 'Florencio na terra"
Hoxe estréase en libre acceso a través da plataforma You Tube o documental que ven a incluír contido no tramo final desde ano de homenaxe ao autor valdeorrés ao que lle dedicou o Día das Letras Galegas. "Florencio Delgado Gurriarán do A ao Z" é o título deste audiovisual escrito e dirixido por Aser Álvarez, de Arraianos Producións. Malia que a produción xa puido verse no Festival Internacional de Cine de Ourense e no festival Cineuropa de Santiago, hoxe preséntase ante o gran público a través desta plataforma ao mesmo tempo que se proxecta no Centro Cultural Avenida da Rúa (Ourense) ante máis de douscentos estudantes da vila. Cunha duración de case unha hora, o documental ofrece un percorrido pola vida e a obra de Florencio Delgado Gurriarán, explorando todas as posibilidades da linguaxe audiovisual, a través das palabras, os poemas, as paisaxes de Valdeorras e as achegas dos seus biógrafos, familiares, veciños e amigos. Uns materiais que se combinan con imaxes e sons do seu arquivo persoal e familiar, coas musicas tradicionais e contemporáneas, os bailes, os viños e os lugares de Córgomo. E antes de que remate a fin de semana tamén terá lugar a estrea doutra peza documental que ven engadir coñecemento sobre o autor. En concreto o domingo, día 18 no mesmo lugar, o Centro Cultural Avenida da Rúa, terá lugar a pre-estrea da longametraxe documental 'Florencio na Terra' dirixida por Domingo Díaz Docampo e producida por SocialDocs. A película, gravada en Valdeorras e México e con secuencias de animación que recrean episodios da vida de Florencio, é un achegamento persoal e creativo á figura do poeta. A súa estrea oficial será durante o 2023.